A UDC conmemora o 25N con actividades contra as violencias machistas
A Universidade da Coruña (UDC) celebrará o vindeiro luns 25 de novembro o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha xornada chea de actividades centradas na igualdade e na prevención das violencias machistas.
Os actos comezarán ás 10:00 horas coa lectura do Manifesto UDC, a cargo do reitor Ricardo Cao no campus da Coruña e da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, no campus ferrolán. Na Coruña, o evento terá lugar na nova sede da Oficina para a Igualdade de Xénero (OIX), situada no Pavillón de Estudantes do Campus de Elviña.
O programa central continuará ás 12:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, no Campus da Zapateira, onde se presentará oficialmente a nova sede da OIX e se dará a coñecer unha caixa de correo de denuncias para fomentar un entorno universitario máis seguro e libre de violencia.
Unha campaña participativa e entrega de premios
Como parte das actividades do 25N, a UDC desenvolveu unha campaña participativa, levada a cabo entre o 11 e o 15 de novembro, na que se recolleron testemuños de estudantes e persoal universitario. Estes comentarios, que cuestionan os roles tradicionais masculinos e visibilizan as violencias contra as mulleres, transformaranse en pezas audiovisuais que serán difundidas nas redes sociais.
Ademais, durante a xornada entregaranse os galardóns dos concursos Ángeles Alvariño e María Balteira, organizados anualmente pola Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC. O primeiro, na súa XII edición, premia os mellores Traballos Fin de Grao e Máster con perspectiva de xénero, mentres que o segundo, na súa V edición, recoñece as mellores creacións artísticas destinadas a previr as violencias machistas e dar visibilidade ao protocolo de acoso da universidade.
A entrega dos premios Ángeles Alvariño será ás 12:45 horas, seguida dos galardóns do concurso María Balteira, a partir das 13:20 horas, poñendo fin a unha xornada dedicada á sensibilización e ao compromiso coa igualdade.