A UDC celebra as Letras Galegas cunha extensa programación cultural

ACoruñaXa
Para comezar, este venres o Espazo de Intervención Cultural da UDC NORMAL acollerá un acto literario protagonizado polo escritor Manuel Rivas
Imaxe da Facultade de Ciencias da Educación da UDC
16 May 2025

A Universidade da Coruña conmemora o Día das Letras Galegas 2025 cunha programación cultural diversa que inclúe a publicación dunha escolma de cantigas, un concerto e unha iniciativa de recuperación e divulgación da toponimia do Campus de Elviña.

A programación en conmemoración das Letras Galegas arranca hoxe, 16 de maio, cun acto literario protagonizado polo escritor Manuel Rivas no Espazo de Intervención Cultural da UDC NORMAL. Unha cita que terá lugar ás 18:00 horas na Sala Principal de NORMAL, onde o autor compartirá reflexións arredor das temáticas do seu último libro 'Tras do ceo' (2024).

O acto principal da Universidade co gallo das Letras Galegas será a presentación do libro 'Por que non hei de cantar?', previsto para o próximo día 21 de maio, acto que terá lugar no Campus de Ferrol, como parte da rotación entre os campus a Universidade (A Coruña e Ferrol).

Con esta obra a UDC quere render unha homenaxe a todas as mulleres que conservaron e transmitiron o seu saber, dado que estamos ante unha escolma de cantigas tradicionais de Elviña e Ferrol recollidas e editadas do cancioneiro tradicional galego.

O campus de Elviña será o protagonista doutra das iniciativas orientada á recuperación da toponimia do Val de Elviña, no que se sitúa o Campus. Así, instalaranse unha serie de placas explicativas dos diferentes nomes, nalgúns casos recuperados en gran parte grazas á colaboración da veciñanza desta área coruñesa. A colocación destas placas terá lugar o xoves 22 de maio, comezando pola zona do Xoana Capdevielle.

O programa conmemorativo das Letras Galegas finalizará o mércores 22 de maio ás 20:30 horas na Sala Cubo de NORMAL, que acollerá o concerto de Faia Díaz. A cantante presentará o seu novo disco Alvela, acompañada pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec. A proposta musical, que toma como base a música de transmisión oral, rende homenaxe á poesía popular oral galega, temática á que a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras. O espectáculo pon en valor a memoria colectiva da maternidade a través de arrolos, romances e cantigas tradicionais reinterpretadas desde unha perspectiva contemporánea e feminista.

Dobre celebración no CITEEC

O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña súmase tamén á celebración do Día das Letras Galegas cunha colaboración especial coa Asociación Cultural Donaire para celebrar o 25 aniversario de ambas as dúas entidades. Unha homenaxe conxunta ás cantareiras a través dun vídeo gravado nas instalacións do CITEEC e que se divulgará hoxe a través das súas RRSS.

Universidade Sénior

Pola súa banda, a Universidade Sénior da UDC conmemorará o Día das Letras Galegas o vindeiro 20 de maio, cun concerto a cargo do Grupo Argallo, da Asociación Cultural Xacarandaina, no salón de actos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (Paseo de Ronda, 51), a partir das 11:30 horas.

A través destas actividades, a Universidade da Coruña reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua e a cultura galegas, facendo partícipe á comunidade universitaria e á cidadanía dunha celebración colectiva do patrimonio inmaterial galego.

⚙ Configurar cookies
0.13923621177673