A UDC celebra a inclusión do CITEEC e CICA na rede de excelencia de centros de investigación galega

ACoruñaXa
A axenda co gallo das Letras Galegas, as modalidades docentes, a toma de coñecemento das táboas de ponderación da ABAU 2025 ou o cambio na Oficina de Medio Ambiente foron outros dos temas tratados na reunión do Consello de Goberno da UDC
Imaxe da reunión do Consello da UDC
Imaxe da reunión do Consello da UDC
30 abr 2024

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña reunido esta martes na Reitoría da UDC, celebrou a inclusión de dous novos centros, CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía) e CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil), na rede de excelencia de centros de investigación de Galicia. Un novo paso ao que se suma a renovación da cualificación na máxima categoría coa que xa contaba o CITIC (Centro de Investigación TIC).

Con estas novas inclusións, aprobadas no día de onte por parte do Consello da Xunta de Galicia, a UDC eleva o seu peso na rede de centros de excelencia de Galicia, dous na máxima categoría (CITIC e CICA) e un na segunda, a dos denominados centros colaborativos. Un novo paso de cara a impulsar a investigación da institución universitaria, que suma ademais a súa participación no Centro ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), interuniversitaria, que tamén alcanzou a cualificación de centro colaborativo.

Isto supón un forte aval financeiro para estes centros que recibirán preto de 5 millóns de euros da Rede de Investigación de Excelencia.

Modalidades docentes e ponderación ABAU

Por parte do equipo de Goberno presentouse así mesmo, a normativa que define á UDC como universidade presencial e regula as diferentes modalidades docentes de estudo.

Así mesmo, regulouse o acceso de estudantes internacionais ás prazas das residencias da UDC, dándose prioridade a aquelas persoas procedentes de países cun índice baixo de desenvolvemento humano ou con discapacidade.

Anunciouse o catálogo de cursos de verán do Centro de Linguas, así como un cambio no modelo de relación deste centro, que prestará servizos a outras entidades demandantes de competencias lingüísticas, como o TSXG co que xa se está traballando para facilitar o ensino da lingua galega entre os xuíces e xuízas desprazados na comunidade autónoma.

O Consello de Goberno tomou coñecemento das táboas de ponderación da ABAU 2025 e os criterios de acceso.

Axenda para celebrar as Letras Galegas

A reunión de hoxe serviu tamén para explicar os actos cos que a Universidade da Coruña quere celebrar o Día das Letras Galegas. Haberá dous concertos de Chicharrón, banda galega que realizarán unha sesión o 15 de maio en Ferrol e outro o día 23 na Coruña (no espazo de intervención cultural da UDC NORMAL).
O acto central será o mércores 15 de maio no Paraninfo, cando centros de educación primaria e secundaria realizarán a lectura de poemas de Luisa Villalta, a autora homenaxeada, evento ao que está invitada toda a comunidade universitaria.

Impulso á mobilidade sustentable
Co gallo de impulsar unha mobilidade máis limpa e eficiente e de seguir avanzando en liñas que melloren os indicadores medioambientais da UDC, múdase a Oficina de Medio Ambiente (OMA), que pasa a ser Oficina de Sustentabilidade, cun enfoque máis sistémico e amplo. Á súa fronte nomeouse a Armand Hernández, investigador contratado polo programa RyC no CICA. Ademais de continuar a importante labor que xa viña desenvolvendo a OMA, iniciouse un estudo sobre a mobilidade da comunidade UDC, co obxectivo de achegar estratexias de mellora para o transporte público ás institucións con competencias na materia, dende a conciencia da problemática do aloxamento do estudantado.

Na procura de maior benestar

Co obxectivo de seguir avanzando en prácticas saudables e na mellora do benestar da comunidade universitaria, desde a UDC estase a traballar nun plan de saúde e benestar psicosocial da Universidade da Coruña para o que se abrirá proximamente un proceso participativo. Tamén se está a reforzar o Programa Afrontemos que atende a saúde mental da comunidade universitaria.