A UDC acolle unha exposición do artista Pablo Barreiro

ACoruñaXa
A exposición estará dispoñible desde o mércores 10 de abril ata o día 10 de xullo
O artista Pablo Barreiro inaugurará mañá mércores, día 10 de abril en Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, a exposición “HIC SUNT LEONES – Aquí están os leóns”
9 Abr 2024

A UDC organiza unha exposición sobre o artista aglego Pablo Barreiro. Deste xeito, este mércores 10 de abril, ás 19.30 horas, terá lugar en Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, a inauguración da exposición “HIC SUNT LEONES – Aquí están os leóns”, do artista galego Pablo Barreiro.

Barreiro establece un diálogo coa copia dos leóns que hai na entrada do parque do Pasatempo de Betanzos, dúas pezas que os irmáns García Naveira copiaron dos orixinais da basílica de San Pedro (Roma), feitos por Antonio Canova para o sepulcro do papa Clemente XIII (1759-1769). Un deles representa as virtudes da fe; o outro, a vida eterna. Despois de ter decaído o Pasatempo nos anos 70, os leóns foron mercados e levados para Asturias, onde vixían na actualidade a entrada do santuario de Covadonga.

O artista busca así a aproximación á Urbild, figura arquetípica, que consolida a idea do mundo europeo. No seu traballo de acción e reflexión sobre a copia, realizando copia da copia, reproduce partes dos leóns como signos dun prototipo arredor do cal a historia da arte comezou a gravitar, definindo o sentido canónico da beleza. Nas escalas de arte, a reprodución dos prototipos era condición necesaria para aprender o bo gusto e adquirir a mestría da tékhne, a técnica.
Pablo reflexiona sobre o proceso técnico da reprodución buscando a sinatura que, como rastro arqueolóxico, fica dese arquetipo esgazado, roto, ruinoso e do que só nos queda o fragmento.

Pablo Barreiro naceu en Meaño (Pontevedra), en 1982 e vive a cabalo entre o seu taller, ubicado na súa localidade natal e Santiago de Compostela. Estudou Escultura na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela e Belas Artes en Salamanca.

O seu traballo baséase con frecuencia na idea da repetición, copia e serialidade de elementos, algo que forma parte dunha linguaxe clara e definida. En consecuencia, sente fascinación polos mecanismos de reprodutibilidade e polo xeito en que a historia da arte occidental se serviu da copia. A súa forma de traballo céntrase na repetición dun obxecto ou imaxe, buscando conflitos entre o orixinal e a copia.

 

0.16629791259766