A UDC acolle dende mañá o Congreso Ibérico sobre Augas Subterráneas (CIAS 2024)
Esta semana, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña converterase en punto de encontro para máis de 100 profesionais, investigadores e científicos internacionais no marco do Congreso Ibérico sobre Augas Subterráneas 2024 (CIAS 2024). O evento, que se desenvolverá do 25 ao 27 de setembro, centrarase en temas como o uso sostible dos recursos hídricos subterráneos, o impacto do cambio climático e a aplicación do Plan de Acción de Augas Subterráneas 2023-2030.
O congreso, que se celebra cada dous anos, está organizado polo Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da UDC, en colaboración co Grupo de Hidroxeoloxía da Universidade Politécnica de Valencia (UPV). A Asociación Internacional de Hidroxeólogos (AIH-GE) auspicia o evento, que incluirá conferencias, mesas redondas, pósters científicos e sesións paralelas sobre os retos actuais na hidroxeoloxía.
A xornada inaugural terá lugar o mércores 25 de setembro ás 9:45 horas e contará coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao.
Premios e recoñecementos Durante o congreso entregaranse catro galardóns que destacarán o traballo de novos investigadores e profesionais no campo da hidroxeoloxía. Entre eles, o prestixioso Premio Alfonso Bayó 2024, dirixido a investigadores emerxentes, e o Premio Fundación Ramón Areces á mellor comunicación.
O evento, que conta co apoio de diversas entidades, como a Universidade da Coruña, Cobre San Rafael e o Concello da Coruña, busca promover o diálogo e a cooperación científica en torno á xestión das augas subterráneas e a sustentabilidade ambiental.