A UDC acolle a segunda edición do HackUDC esta fin de semana

ACoruñaXa
Máis de 160 estudantes reuniranse na Facultade de informática da UDC para desenvolver ideas e prototipos de proxectos tecnolóxicos baixo un límite de tempo
Fotografía da entrega premio Gpul no Hackudc 2023
Fotografía da entrega premio Gpul no Hackudc 2023
15 Feb 2024

A segunda edición do HackUDC, o maior hackathon de Galicia, xa ten data de celebración. O evento terá lugar durante os días 16, 17 e 18 de febreiro na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Durante este encontro, máis de 160 estudantes reuniranse para desenvolver proxectos tecnolóxicos baixo un límite de tempo, diferenciándose doutros encontros similares en que neste non só se centrarán nas ideas, senón que tamén desenvolverán prototipos funcionais para demostralas.

O evento está organizado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), unha asociación universitaria vinculada á UDC destinada a fomentar o software e hardware libre e a promover a colaboración dentro da comunidade de desenvolvedores. A asociación conta con 25 anos de traxectoria e máis de 500 membros.

Na súa primeira edición HackUDC reuniu a máis de 50 participantes, e este ano viron superadas as súas expectativas, contando con máis de 160 persoas inscritas e outras en lista de espera, que proceden tanto da UDC como doutras universidades galegas, ciclos de formación profesional e incluso participantes de fóra de Galicia.

O acto de inauguración será o venres 16 ás 18.00 horas, no salón de actos da Facultade de Informática e contará coa asistencia de Mª José Lombardía, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC, e Mariano J. Cabrero, decano do centro.

O evento, que conta co apoio da Universidade da Coruña, a Xunta de Galicia e 11 empresas patrocinadoras, tanto locais como multinacionais do sector tecnolóxico, repartirá máis de 2000 euros en premios. Ademais o estudantado da UDC que participe poderá recoñecer 3 créditos ECTS.

 

 

0.1066460609436