A UDC, a Deputación e o Colexio de Arquitectos buscan fomentar o emprendemento

ACoruñaXa
A ETSAC conta así cun espazo reservado e de acceso preferente no coworking do Pazo de Arenaza para estudantes do Máster habilitante de Arquitectura e persoas graduadas na Escola que desexen iniciar un proxecto empresarial
Imaxe da reunión celebrada este mércores no Pazo de Arenaza en Oleiros
3 Abr 2024

Este mércores celebrouse unha reunión no Pazo de Arenaza en Oleiros entre o director de Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC), Miguel Abelleira Doldán e representantes da Deputación da Coruña co obxectivo de marcar as bases da prórroga do convenio de colaboración existente entre a UDC e a administración provincial en materia de fomento do emprendemento no coworking do dito Pazo.

A xuntanza contou coa asistencia de Luísa Lista Ameneiro, coordinadora do Plan de Emprego Local da Deputación de Coruña; Sofía Sanesteban Beceiro, técnica de xestión de proxectos do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña; Juan Diego Pereiro Areán, xestor do coworking do Pazo de Arenaza, Ruth Varela Rodríguez, presidenta da Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e Ricardo Sánchez Lampreave, subdirector de Cultura da ETSAC.

A ETSAC e a Deputación da Coruña asinaron no ano 2023 un convenio, dun ano de duración e prorrogable ata catro anos, segundo o cal ambas as dúas entidades comprometíanse a desenvolver actividades que impulsasen a actividade emprendedora no sector da arquitectura.

A ETSAC conta así cun espazo reservado e de acceso preferente no coworking do Pazo para estudantes do Máster habilitante de Arquitectura e persoas graduadas na Escola que desexen iniciar un proxecto empresarial. Este proxecto debe estar en fase de preincubación e ser previamente seleccionado por unha comisión, formada por persoal da ETSAC e o equipo xestor do coworking. O prazo para desenvolver o proxecto será de 12 meses de duración, podendo ampliado ata 18 meses.

Durante a reunión presentáronse tamén para o seu estudo diversas propostas de actuacións a desenvolver no marco do convenio para o fomento da actividade emprendedora no eido na arquitectura.

 

0.20433783531189