A UCI da Coruña e Cee, premiada por reducir a pegada ambiental da asistencia sanitaria

A Área Sanitaria da Coruña e Cee foi recoñecida polo seu compromiso coa sustentabilidade sanitaria a través da súa participación no proxecto 'alineaODS', unha iniciativa estatal que promove un modelo asistencial máis respectuoso coa contorna e aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
O recoñecemento distingue o traballo desenvolvido por profesionais da Unidade de Coidados Intensivos e do Servizo de Medioambiente, que participan tanto no deseño como na posta en marcha de actuacións para reducir a pegada ambiental da actividade sanitaria. O galardón enmárcase na categoría de 'Compromiso coas políticas One Health', unha visión que relaciona a saúde das persoas, dos animais e do planeta.
O xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, recolleu o premio xunto ás responsables do proxecto no hospital, Mónica Mourelo Fariña, xefa do Servizo de Coidados Intensivos, e Laura Larriba Leira, xefa do Servizo de Medioambiente.
'alineaODS' reúne a 42 profesionais de distintos ámbitos da xestión e da atención sanitaria en centros de toda España. O proxecto impulsa a creación de grupos de traballo interdisciplinares para avanzar nunha práctica clínica máis sostible, con catro liñas principais de actuación: investigación, innovación, sensibilización e difusión.
A achega da área coruñesa céntrase nun proxecto de investigación sobre a redución do impacto ambiental da fluidoterapia intravenosa. Esta iniciativa permite medir de forma práctica a pegada de carbono asociada a unha actividade clínica habitual e abrir a porta a estratexias que reduzan o seu impacto sen comprometer a calidade asistencial.
Este recoñecemento súmase ao traballo que a Área Sanitaria da Coruña e Cee desenvolve desde hai dous anos co proxecto 'UCI sostible'. A través desta iniciativa estanse revisando instalacións, infraestruturas e procesos con alto impacto ambiental, ademais de reducir o consumo de materiais e mellorar a xestión dos residuos.
O proxecto inclúe tamén accións de formación e comunicación dirixidas aos profesionais, co obxectivo de incorporar criterios ambientais á práctica clínica diaria. Desde a área sanitaria destacan que a descarbonización do sector sanitario é xa unha necesidade urxente, pero tamén unha oportunidade para facer máis eficiente e responsable o sistema público de saúde.