A Torre de Celas converteuse nunha aula medieval para máis de 150 escolares de Culleredo

A Torre de Celas transformouse estes días nunha porta de entrada á Idade Media para o alumnado de Culleredo. Máis de 150 nenos e nenas de 2º de Educación Primaria participaron na actividade 'Torre de Celas: unha historia no medievo', unha proposta impulsada polo Concello dentro do programa EducaCulleredo.
A iniciativa permitiu aos escolares coñecer a historia da fortificación desde unha perspectiva activa e participativa. A última sesión celebrouse este xoves, pechando un programa no que participaron alumnos dos CEIP Sofía Casanova, Ría do Burgo, Isaac Díaz Pardo e Vila de Rutis, organizados en varios grupos.
Durante a actividade, os nenos e nenas achegáronse ao contexto histórico da torre e doutros elementos da parroquia, como a igrexa. Acompañados por especialistas, percorreron a contorna, analizaron o espazo, participaron en pequenos obradoiros e tamén tiveron tempo para o xogo.
O obxectivo da proposta foi ir máis alá da simple visita ao monumento. O Concello buscou que o alumnado comprendese como foi evolucionando Culleredo ao longo do tempo e que tomase conciencia da importancia de conservar o patrimonio histórico e cultural do municipio.
A tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, e a concelleira de Cultura, Penélope López, asistiron á última sesión. Pardo destacou o valor pedagóxico dunha actividade que complementa o traballo das aulas e que permite aprender sobre o terreo. Tamén subliñou que este tipo de propostas reforzan o vínculo dos nenos e nenas co seu municipio, coa súa historia e co seu territorio.