A tecnoloxía sobe ao escenario coa comedia 'Nas nubes' en Culleredo

O ciclo de primavera de Culleredo Escena continúa este venres, 29 de maio, cunha proposta que mestura humor, distopía e reflexión sobre a relación entre as persoas e a tecnoloxía. Redrum Teatro levará ao Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo a obra 'Nas nubes', unha comedia pensada para público adulto.
A función comezará ás 20.30 horas e terá unha duración aproximada de 70 minutos. Como é habitual na programación de Culleredo Escena, as entradas serán gratuítas, aínda que será preciso reservar praza previamente no teléfono 981 665 597, en horario de 16.00 a 21.00 horas, ou no propio Edificio de Servizos Múltiples.
A historia sitúa o público nun museo no que Nexus e Rino guían os visitantes por reliquias da era predixital. O que comeza como unha sátira sobre o presente acaba abrindo unha reflexión inquietante, entre risas, surrealismo, números circenses e xogos de interpretación, arredor do impacto da tecnoloxía e da fraxilidade da identidade.
O espectáculo conta no seu equipo cunha presenza local destacada. A cullerdense Raquel Crespo é a responsable do deseño de vestiario da montaxe. Sobre o escenario estarán Xúlio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo.
'Nas nubes' forma parte da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña e reforza a aposta de Culleredo por achegar ao municipio propostas escénicas variadas, actuais e accesibles para a veciñanza.