A tarxeta Xente Nova xa permite viaxar gratis aos mozos nos autobuses da comarca da Coruña

ACoruñaXa
A tarxeta dixital estará operativa no leste da comarca, que integra 21 liñas dunha ducia de concellos que dan servizo a preto de 20.000 persoas
Imaxe da presentación da tarxeta Xente Nova na Coruña
26 Abr 2024

A Xunta vén de activar o funcionamento da tarxeta Xente Nova no móbil para facilitarlle á mocidade o uso do transporte público gratuíto na comarca da Coruña.

Logo das experiencias lanzadas en setembro de 2023 en Ferrol e a pasada semana en Ourense, a iniciativa chega agora ao leste da área coruñesa, que integra 21 liñas nos concellos de Cambre, Carral, Cerceda, Oleiros, Ordes, A Coruña, Culleredo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, A Laracha e Sada que dan servizo a preto de 20.000 persoas.

Así o informou este venres pola mañá na Coruña o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha visita á estación de autobuses da cidade para comprobar o funcionamento do sistema. Durante a cal, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o xerente de Proxectos de Transportes e infraestruturas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Pablo Ferreira, a directora da Unidade Zonal Noroccidental de Alsa, Elena Álvarez, e o delegado desta empresa en Galicia, Daniel López.

Segundo sinalou Diego Calvo, a nova aplicación está dispoñible xa desde o pasado luns tanto para os dispositivos Android como para Apple e elimina a necesidade do cartón físico, de ter saldo e de recargar no caixeiro. As persoas menores de 21 anos beneficiarias da Xente Nova só precisan rexistrarse na aplicación para gozar dos 60 viaxes de balde ao mes. Para acceder ao autobús cómpre premer en Crear viaxe na aplicación móbil e validar o código QR xerado na máquina situada no vehículo. A maiores, o sistema facilita estimacións en tempo real de chegada dos autobuses ás paradas.

O conselleiro anunciou que esta solución se estenderá nas próximas semanas ao transporte metropolitano de Pontevedra, coa previsión de que a finais de ano estea operativa nos 127 contratos de transporte regular de viaxeiros por estrada que conforman a rede de transporte público titularidade da Xunta. Deste xeito, poderán beneficiarse da iniciativa as máis de 166.000 persoas usuarias da Xente Nova en Galicia.

Máis de 10 millóns de euros de aforro para as familias

Só en 2023 a tarxeta permitiu realizar máis de 6,3 millóns de viaxes gratuítas, o que supuxo un aforro superior aos 10 millóns de euros para as familias galegas. O obxectivo desta medida, posta en marcha pola Xunta en 2016 e que non deixou de medrar desde entón, é contribuír á economía familiar e facilitarlle á mocidade o acceso a servizos básicos ao tempo que se fomenta o transporte público e unha mobilidade sustentable nesta franxa de idade.

Activa en todas as liñas de transporte interurbano da Xunta de Galicia, no transporte de ría en Vigo e no cercanías de Ferrol, a incorporación do seu uso a través do móbil supón un novo avance que, en palabras de Diego Calvo, responde aos hábitos de consumo do colectivo ao que vai dirixido, a poboación máis nova, afeita a resolver calquera xestión ou necesidade a través dos seus dispositivos móbiles.

0.1828179359436