A Taberna Triay gaña o XX Concurso de Tapas Picadillo da Coruña

A Coruña converteuse esta semana no epicentro da gastronomía galega coa celebración do XX Concurso de Tapas Picadillo, o certame de tapas máis antigo de Galicia, organizado polo Concello da Coruña coa colaboración de Estrella Galicia, Cash Record e a Asociación de Celíacos de Galicia. A Taberna Triay foi a gran triunfadora da edición ao levar o premio nas dúas categorías principais, ‘Tapa Creativa’ e ‘Receitario Picadillo’, ademais de recibir o recoñecemento do público pola súa tapa máis votada.
Coas creacións ‘Triay Wonka’ e ‘Buñuelo a la vista’, Taberna Triay conquistou tanto o xurado profesional como o público. Por cada categoría, o establecemento recibiu un premio de 1.000 euros, un diploma acreditativo e un trofeo coa icónica Torre de Hércules. Ademais, o ‘Buñuelo a la vista’ acadou o premio á mellor tapa por votación popular, que incluíu outros 500 euros e un diploma.
Malte Galera tamén destacou nesta edición ao recibir unha mención especial na categoría de Receitario Picadillo pola súa proposta ‘Korokke galego’, unha reinterpretación do tradicional croquete galego.
Un xurado de prestixio
O xurado profesional desta edición estivo formado por grandes nomes da gastronomía, como Carmen Fernández-Gago Puga, neta de Manuel María Puga y Parga, coñecido como Picadillo; Miguel González, chef estrela Michelín do restaurante homónimo en Ourense; María Varela, do restaurante A Parada das Bestas e membro do Grupo NOVE; Juan Carlos Perret, de Kero Cocina Peruana (Vigo); e Áxel Smyth, do restaurante Simpar (Santiago de Compostela), recentemente galardoado coa súa primeira Estrela Michelín.
O xurado seleccionou 10 tapas finalistas entre as 52 presentadas polos 44 locais participantes, das cales 18 competían na categoría de ‘Tapa Creativa’ e 34 en ‘Receitario Picadillo’. Entre as propostas destacaron as opcións inclusivas, con 19 tapas aptas para celíacos e 7 para veganos.
Unha cita especial no 150 aniversario de Picadillo
O certame deste ano tivo un carácter especial ao coincidir co 150 aniversario do nacemento de Manuel María Puga y Parga, ‘Picadillo’, gastrónomo, xornalista e político galego autor de La cocina práctica en 1905. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a entrega de premios, acompañada por Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, e Diana Sobral, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, ademais de Carmen Fernández-Gago Puga, neta do célebre gastrónomo.
Rey agradeceu a participación dos establecementos e subliñou o impacto positivo do concurso na promoción da cidade. “Este certame é unha proba máis de que A Coruña é unha referencia gastronómica no noroeste de España. Aquí conviven tradición e vangarda, e a nosa cociña forma parte da esencia dos coruñeses e coruñesas”, destacou.
Sorteo entre o público
Como parte do evento, celebrouse un sorteo entre os asistentes que participaron na votación popular a través dun código QR dispoñible nos locais participantes. Os premios incluíron lotes de produtos Cash Record, entradas para o Museo MEGA, packs de cociña e tarxetas Coruña Card. Os nomes das persoas premiadas están publicados en no seguinte enlace.
O XX Concurso de Tapas Picadillo reafirma, un ano máis, o seu papel como unha cita imprescindible para os amantes da gastronomía e un escaparate do talento culinario local.