A subdelegada visitou o quiosco Down Experience polo Día Mundial da Síndrome de Down
Este xoves 21 de febreiro celébrase o Día Mundial da Síndrome de Down e con motivo da data a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou o Quiosco Down Experience, que xestiona a asociación Down Coruña.
Durante a súa visita, na que estivo acompañada polo vicepresidente, Enrique Pena, e o director executivo desta asociación, Manuel Rego, Rivas destacou a importancia de concienciar e sensibilizar á sociedade sobre os dereitos das persoas con esta síndrome e outros tipos de discapacidade intelectual para conseguir a súa plena inclusión, tanto no ambiente social como no laboral.
“As persoas con discapacidade merecen vivir nunha sociedade concienciada e sensibilizada, libre de estigmas. Por iso, desde o Goberno non imos parar ata conseguir esta sociedade para todos e todas, coa igualdade, a inclusión e o respecto por encima de todo”, sinalou Rivas.
Neste sentido, a subdelegada puxo en valor os avances en materia de dereitos para as persoas con discapacidade acadados polo Goberno de Pedro Sánchez, como pode ser a reforma da Lei do Réxime Electoral Xeral (Loreg) en decembro de 2018, para que todos os cidadáns e cidadás con discapacidade, sen exclusións, puideran exercer o seu dereito a voto, ou a recente substitución do termo ‘disminuido’ do artigo 49 da Constitución polo de ‘persoa con discapacidade’. A estes recoñecementos legais súmase a Lei de Promoción da autonomía persoal e atención a persoas en situación de dependencia (Lei de Dependencia). Con todas elas, o Goberno amosa o seu firme compromiso por mellorar a calidade de vida das persoas en situación de dependencia.
Ademais, nesta liña a subdelegada lembrou que desde o ano 2020, o Goberno transferiu, a través dos Orzamentos Xerais do Estado e do Plan de Recuperación, un total de 780 millóns de euros á Xunta de Galicia para cubrir as necesidades das persoas nesta situación e das súas familias. Tamén aproveitou para chamar a atención sobre o feito de que, mentres o Goberno duplicou as súas achegas entre 2020 e 2023 (pasou de 94,8 millóns a 209,5) a Xunta reduciu as súas contribucións.
En canto aos fondos adicionais do Plan de Recuperación (174,6 millóns de euros), María Rivas explicou que permiten, entre outras cuestións, a transformación tecnolóxica dos servizos sociais prestados e eliminar as barreiras arquitectónicas para mellorar a accesibilidade. Fano a través do ‘Plan de apoios e coidados de longa duración’, o ‘Plan de modernización dos servizos sociais’ e o ‘Plan España País Accesible’, respectivamente.
María Rivas informou de que en Galicia hai case 74.000 persoas en situación de dependencia recoñecida nalgún dos tres graos de protección, o nivel mínimo, o acordado e o adicional, tal e como recolle a Lei de Dependencia. “Todas e cada unha destas persoas necesitan un Goberno como este, que os apoie e que lles proporcione ferramentas útiles que contribúan á mellora da súa vida e a das súas familias”.
“O Día Mundial da Síndrome de Down é unha ocasión para lembrar o moito que temos avanzado, pero tamén para lembrar que hai moito camiño por andar e iniciativas como as de Down Coruña van na mesma liña na que está a traballar este Goberno”, indicou Rivas, que aproveitou para felicitar á asociación polo seu proxecto Down Experience, “que pretende demostrar que as persoas con síndrome de Down e outros tipos de discapacidade intelectual son capaces de emprender e traballar”.
O primeiro programa desenvolto no marco desta iniciativa é o quiosco de Down Experience, na Plaza de Ourense da Coruña, un bar- restaurante no que traballan persoas con e sen discapacidade “que supón un exemplo inmellorable de como se pode conseguir a plena inclusión do colectivo nos ámbitos social e laboral”, concluíu a subdelegada.