A spin-off da UDC PhotoIlike gaña o premio Solvia PropTECH á mellor tecnoloxía para comercializar activos

ACoruñaXa
As entidades gañadoras terán a oportunidade de levar a cabo un proxecto piloto inicial en colaboración con Solvia e demostrar que as súas propostas tecnolóxicas teñen un impacto significativo no sector inmobiliario español
Imaxe do equipo da spin-off PhotoIlike
4 Apr 2024

A spin-off da UDC PhotoIlike vén de facerse co premio Solvia PropTECH á mellor tecnoloxía para a comercialización de activos, logo de impoñerse ás máis de 50 candidaturas participantes nesta segunda edición dos premios.

Así mesmo, outorgáronse doutros dous premios noutras dúas categorías. O premio para a mellor tecnoloxía proptech para a mellora da experiencia do cliente, entregado á empresa Homming, e o galardón á mellor proptech innovadora, para a empresa Balize.

As entidades gañadoras terán a oportunidade de levar a cabo un proxecto piloto inicial en colaboración con Solvia e demostrar que as súas propostas tecnolóxicas teñen un impacto significativo no sector inmobiliario español.

Desde PhotoIlike sinalan que “os premios Solvia Protech supoñen o recoñecemento público máis importante na nosa andadura, un reforzo fundamental, posto que son un referente anual das mejores iniciativas tecnolóxicas e de innovación do sector”.

A empresa PhotoIlike, desenvolvida por Indestia, foi creada no ano 2021, e consiste nunha ferramenta que está a ser usada por inmobiliarias de todas España para ofrecer aos seus clientes aquelas imaxes con mellor atractivo comercial. Conta cunha tecnoloxía propia, baseada na IA, capaz de predicir o atractivo comercial dunha imaxe, xerando así un incremento de clics e tendo unha repercusión no incremento de vendas.

A historia desta empresa data de finais do ano 2018, cando, grazas a unha axuda IGNICIA de GAIN, Juan Romero xunto con outros profesores/investigadores da UDC lánzanse a desenvolver un prototipo que se poida converter en produto e lanzar unha spin-off. En 2019 e baixo IGNICIA únese ao proxecto Manuel Pérez. En 2021 apróbase a spin-off Artificial Intelligence Indestia S.L., baixo a marca comercial PhotoILike. Na actualidade son 7 persoas traballando na empresa, contanto dentro do accionariado a propia UDC e profesores da mesma (Adrián Carballal Mato, Juan Jesús Romero Cardalda, María de la Luz Castro Pena, Nereida Rodríguez Fernández e Francisco Abel Cedrón Santaeufemia). Ademais, desde a empresa sempre trataron de contratar persoal dentro da UDC, como son Iria María Santos López e Álvaro Torrente Patiño.

Segundo explica Juan Romero, cofundador e xefe de Innovación de PhotoILike, coa súa ferramenta “as empresas melloran a conversión dos seus anuncios máis dun 20%”. PhotoILike ten procesados máis de 23 millóns de imaxes de clientes en España e Sudamérica en en todos os test realizados conseguiu máis clics que os anuncios editados por humanos unicamente cambiando a orde das fotografías.

Os premios Solvia propTECH son uns premios organizados por Solvia, empresa pertencente ao grupo Intrum, líder de servizos inmobiliarios para particulares, empresas e investidores, e TheFringe/LABS, venture builder especializada na identificación e aceleración de novos proxectos proptech e data analytics, que pretenden ser o referente anual para o recoñecemento público das mellores iniciativas tecnolóxicas e de innovación do sector inmobiliario en España.

O obxectivo dos premios é descubrir e recoñecer aquelas startups proptech cuxo uso de tecnoloxías convértenas en proxectos innovadores que impactan positivamente ao ecosistema inmobiliario español, ben sexa a través de tecnoloxías para mellorar o funcionamento interno de procesos, como tecnoloxías aplicadas á realización de servizos e produtos, que as fan destacar no seu campo.

 

0.16172695159912