A sostibilidade volve ás aulas en Betanzos con dúas xornadas abertas ao público

ACoruñaXa
O IES Francisco Aguiar celebrará os días 15 e 16 de xuño a terceira edición dun encontro que combina relatorios do alumnado, intervencións de expertos e unha mostra artística con materiais recuperados
BETANZOS ies francisco aguilar
14 Jun 2026

O IES Francisco Aguiar de Betanzos celebrará os días 15 e 16 de xuño as súas III Xornadas de Sostibilidade, unha iniciativa aberta ao público que busca situar ao alumnado como protagonista na resposta á emerxencia climática.

O proxecto naceu a partir dun traballo xornalístico elaborado para un concurso escolar e foi medrando ata converterse nunha liña de acción ambiental do centro. Entre os seus fitos figura o cálculo e rexistro oficial da pegada de carbono do instituto no Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A programación abordará cuestións como o impacto ambiental da intelixencia artificial, o potencial das algas fronte ao cambio climático, a depuración ecolóxica do mexillón, a medición das emisións do centro ou a conservación do medio desde a responsabilidade individual.

O encontro contará tamén coa intervención do eurodeputado Nicolás González o día 15 e coa presentación, o día 16, do proxecto Climbatic, centrado nos últimos glaciares de Kenia, Cáucaso e Venezuela.

O director do instituto, Francisco Rodríguez, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral, participarán nos actos de peche das xornadas. Rodríguez destacou que o obxectivo é que o traballo ambiental non quede só na aula, senón que axude ao alumnado a comprender a súa capacidade para impulsar cambios reais.

A actividade completarase cunha exposición de esculturas realizadas con madeira a flote e aceiro recuperado polo artista Francisco Martínez-Pin, que tamén participará como relator. A mostra poderá visitarse no centro, en horario escolar, do 15 ao 19 de xuño.

0.12883305549622