A solución para os afundimentos do cemiterio de Cortiñán chega tras máis dun ano de avisos

O Concello de Bergondo e o Arzobispado de Santiago avanzan nun acordo para poñer fin aos problemas de seguridade no cemiterio de Cortiñán, onde se veñen rexistrando afundimentos na zona dos panteóns. Ambas partes prevén establecer un convenio para realizar unha actuación urxente de drenaxe e recheo, unha solución que se considera a máis viable ao tratarse dun recinto que non é de titularidade municipal.
A intervención chega despois de que o Concello encargase un informe para coñecer a situación real do subsolo do camposanto. Ese documento serviu para analizar a orixe dos problemas e determinar que os traballos de drenaxe e recheo son a alternativa máis axeitada para estabilizar a zona afectada e evitar que os afundimentos continúen avanzando.
A situación, con todo, vén de atrás. En abril de 2025, o Arzobispado de Santiago acordou clausurar temporalmente parte do cemiterio, concretamente a zona dos panteóns, pola falta de condicións de seguridade detectadas no recinto. Aquela medida adoptouse tras os requirimentos realizados polo Concello de Bergondo, que reclamara unha solución urxente para protexer tanto ás persoas usuarias como os bens materiais.
Daquela, o Goberno municipal advertira da necesidade de levar a cabo unha avaliación técnica dos panteóns afectados e de definir medidas correctoras que garantisen a súa estabilidade. O obxectivo era evitar posibles accidentes derivados do deterioro dalgunhas estruturas e dos problemas detectados no terreo.
Agora, máis dun ano despois daquela clausura parcial, o acordo entre Concello e Arzobispado abre a porta á execución dunha obra que pretende dar unha resposta definitiva a unha preocupación prolongada no tempo. A actuación permitirá mellorar a evacuación da auga, reforzar o terreo e recuperar as condicións de seguridade no camposanto.