A sexta edición do Luísa Villalta premia oito proxectos pola igualdade
O VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola área de igualdade da Deputación da Coruña, repartirase este ano entre oito propostas, das 34 que se presentaron a concurso; recibirán 12.500 euros cada unha delas.
Trátase de ‘O próximo baile, será comigo’, de Sabela Losada Cortizas, ‘Ofuscadas polo vicio da razón’, de Yarama África, ‘Non calarás’, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, ‘Altas luces’, de Illa Bufarda, ‘ A historia vaxenial’, de Artyc Content, ‘Punto en boca. Costura e teatro’, de Raquel García Crespo, ‘As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada’, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e ‘A clase’, de Mala Herba Producións.
A deputada de Igualdade, Soledad Agra, presidiu un xurado no que foron vogais a técnica da Deputación Eva Ovenza, o sociólogo Adrián Gonçalves e a profesora universitaria Ana Belén García Freijeiro. Actuou como secretaria Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da institución provincial.
Os proxectos premiados
‘O próximo baile, será comigo’, de Sabela Losada Cortizas. É un proxecto audiovisual innovador de acción-creación-investigación, que traballa sobre o apoio mutuo de vítimas de violencia machista a través dunha rede de testemuños de mulleres en contextos de violencia de xénero. Denuncia a falta de apoio social e institucional ás vítimas. Proxecto con gran impacto social e territorial, en coordinación co tecido asociativo e empresarial, que destaca pola súa transferibilidade. Recolle medidas específicas de accesibilidade universal.
‘Ofuscadas polo vicio da razón’, de Yarama África. O proxecto ten por obxecto crear un espazo seguro de encontro e expresión artística para mulleres migrantes e refuxiadas na provincia da Coruña en coordinación co ámbito cultural. Inspírase na propia obra de Luísa Villalta. Ten previsto realizar distintas actividades de lectura, escritura, eventos artísticos, etc. É un proxecto cun alto potencial de replicabilidade, xa que a súa metodoloxía é facilmente adaptable a outros contextos.
‘Non calarás’, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña. É un proxecto historiográfico de recuperación da memoria das mulleres cunha clara perspectiva feminista, que abarca diversos ámbitos de traballo (investigación, divulgación, exposición, publicación e rutas). Céntrase na cidade da Coruña, sendo un proxecto inspirador para outras vilas e cidades do territorio. Destaca a coordinación co tecido asociativo e educativo.
‘Altas Luces’, de Illa Bufarda. O proxecto contribúe á creación dunha historia da fotografía clásica galega diversa e plural. Ten unha clara vocación transformativa en busca dun cambio social que supere desigualdades, roles, crenzas, visibilizando as mulleres galegas fotógrafas ao longo da historia.
‘A historia vaxenial’, de Artyc Content. É un proxecto teatral sobre a representación cultural do corpo das mulleres ao longo da historia e como esta dá lugar a unha profunda desigualdade de xénero. Emprega a narración e o diálogo co público de maneira empática como mecanismo de catarse conexión e reflexión colectiva.
‘Punto en boca. Costura e teatro’, de Raquel García Crespo. É un proxecto de creación escénica e investigación que ten como base o oficio da costura como tradición, herdanza xeracional e medio de vida, e como tal, moi asentado nun territorio no que o oficio da costura marcou a vida de moitas mulleres da provincia. Utilizan o pasado e a tradición para entender a actualidade e mirar ao futuro. É un proxecto moi participado e colaborado por diferentes axentes do territorio e as propias protagonistas.
‘As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada’, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O proxecto é a edición dun libro que reúne o legado das pioneiras do xornalismo galego e entrevistas con xornalistas, co obxectivo de rescatar, visibilizar e crear referentes. Ten capacidade de coordinación con entidades públicas de carácter educativo e alumnado. É moi interesante a posta en valor da contribución das xornalistas ao ámbito dos medios de comunicación.
‘A clase’, de Mala Herba Producions. O proxecto consiste na produción e distribución dunha curtametraxe que aborda o abuso de poder e o acoso nas escolas de arte dramática. O contexto do ámbito educativo no que se centra é fundamental para visibilizar este problema entre a xente nova. A capacidade de transferencia deste proxecto baséase na abordaxe dunha problemática global, que afecta a mulleres de todo o mundo.