A serigrafía 'A la deriva II' do compostelán José Andrés Santiago gaña o XIX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica

ACoruñaXa
O santiagués foi premiado pola súa obra innovadora nun certame organizado pola Deputación da Coruña. Dous accésits foron outorgados a artistas de Huelva e Girona
Imaxe do Xurado XIX Jesús Núñez
4 Out 2024

A serigrafía 'A la deriva II', do artista compostelán José Andrés Santiago, foi galardoada co XIX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica, un certame de gran prestixio organizado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña. A obra será incluída nunha exposición que acollerá a Fundación CIEC, e o autor recibirá un premio de 6.500 euros en recoñecemento ao seu traballo.

O xurado, presidido pola deputada de Cultura Natividade González, concedeu tamén dous accésits ás obras “Nómadas en el país de las tentaciones” do onubense Manuel Moreno Morales, e “S/T (at lunchtime)” da xironesa Claudia Regueiro Puigdevall. Ambos artistas recibirán bolsas para cursar un módulo do Máster de Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC.

O xurado destacou da obra gañadora “a súa riqueza conceptual, a sutileza na imaxe e a cor, xunto coa capacidade de engadir tridimensionalidade e mobilidade, sen deixar de lado a poética e unha execución impecable”. O comité avaliador contou coa presenza de profesionais como Nuria Blanco, María Rosario Sarmiento, Juan Carlos Escudero, Francisco Aguilar e Susana Murias, actuando como secretaria Manuela Muñiz.

José Andrés Santiago, recoñecido no ámbito das artes plásticas e profesor doutor na Universidade de Vigo, ten unha traxectoria consolidada no estudo do manga e a gráfica expandida. Ademais de contar cun amplo historial de publicacións e exposicións, foi galardoado en certames de renome tanto a nivel nacional como internacional, como o Festival Internacional de la Imagen de México ou a Bienal Iberoamericana de Obra Gráfica Ciudad de Cáceres.

0.14471197128296