A seguridade da AC-400 volverá ao Parlamento polas demandas veciñais en Culleredo

ACoruñaXa
O BNG reclama que a Xunta concrete prazos para as sendas peonís entre Valiñas e Peiro de Arriba, un tramo que afecta ás parroquias de Sueiro, Sésamo e Celas
ABEGONDO bng ac-400
4 Jun 2026

A seguridade viaria na AC-400 volverá á axenda política. Os deputados do BNG Paulo Ríos e Iria Taibo, xunto co portavoz municipal en Culleredo, Tono Chouciño, reuníronse este mércores con veciños e veciñas afectados pola falta de itinerarios peonís seguros no tramo comprendido entre Valiñas e Peiro de Arriba, nas parroquias de Sueiro, Sésamo e Celas.

A formación nacionalista anunciou que levará novas iniciativas ao Parlamento galego para reclamar que a Xunta concrete os compromisos anunciados hai un ano, cando se avanzara a execución en 2026 dun proxecto técnico para dotar de sendas peonís parte desta estrada. Segundo denuncia o BNG, ese compromiso segue sen traducirse en prazos, actuacións definidas nin calendario de execución.

A AC-400 soporta un tráfico intenso de turismos, camións e bicicletas, xa que tamén é unha ruta habitual para ciclistas da zona. A falta de beirarrúas e de beiravías en boa parte do trazado obriga ás persoas que camiñan entre núcleos a facelo pola calzada, o que incrementa o risco nunha vía que atravesa zonas habitadas e que non conta con alternativas peonís seguras.

A veciñanza leva tempo mobilizada por esta situación. Ademais de recoller arredor de 400 sinaturas, trasladou a súa preocupación á Valedora do Pobo e organizou accións públicas para reclamar unha solución. Entre as demandas tamén figuran medidas de calmado do tráfico nas proximidades dos centros escolares.

O BNG lembra que a deputada Iria Taibo xa rexistrara iniciativas a finais de 2025 para pedir melloras de seguridade peonil nesta estrada. Agora, tras a nova reunión coa veciñanza, a formación volverá insistir no Parlamento e tamén levará o asunto ao pleno municipal de Culleredo.

O obxectivo, segundo trasladan os nacionalistas, é que a Xunta aclare se a actuación será incluída nunha nova fase do Plan de Sendas, que tipo de obra se prevé executar e con que prazos. A veciñanza reclama unha resposta concreta para unha demanda que considera básica: poder desprazarse a pé con seguridade entre os núcleos da zona.

0.11736702919006