A segunda xira aos Caneiros pon mañá o broche final ás Festas de San Roque de Betanzos coa París de Noia

ACoruñaXa
A tradicional romaría contará cun amplo dispositivo de seguridade e emerxencias, mentres que a xornada rematará na praza dos Irmáns García Naveira coa actuación da París de Noia
BETANZOS caneiros
24 Aug 2026

As Festas de San Roque de Betanzos chegarán mañá, martes 25 de agosto, ao seu final cunha das citas máis agardadas do programa: a segunda xira aos Caneiros. A tradicional romaría reunirá de novo centos de persoas nunha xornada marcada polas embarcacións, a música e a animación, que terá como remate a actuación da orquestra París de Noia.

A actividade comezará ás 12.00 horas coa tradicional salva de vinte e unha bombas de ordenanza e coa saída dos primeiros barcos desde o peirao do Paseo da Tolerancia. As charangas NBA e DGT serán as encargadas de poñer música á saída das embarcacións e de acompañar as romeiras e os romeiros durante o percorrido.

Unha vez no Campo dos Caneiros, a celebración continuará con DJ Sebas e coa Charanga NBA, que manterá a animación ao longo da xornada. Ás 16.30 horas está prevista a saída da embarcación municipal Diana Cazadora, na que viaxarán representantes das diferentes asociacións betanceiras e membros da Corporación municipal.

O regreso desde Os Caneiros estará marcado ás 22.30 horas por unha sesión de fogos pirotécnicos acuáticos e aéreos na Ponte Vella, unha das estampas máis características desta tradicional romaría e que volverá poñer o punto final á xornada no río.

A festa trasladarase despois á praza dos Irmáns García Naveira. Ás 23.00 horas, a orquestra París de Noia ofrecerá a actuación encargada de pechar musicalmente as Festas de San Roque.

Máis dun centenar de persoas no dispositivo de seguridade

A segunda xira aos Caneiros contará cun dispositivo especial de seguridade, emerxencias e atención á cidadanía formado por máis dun centenar de persoas. No operativo participarán efectivos de Protección Civil de Betanzos e doutros municipios da comarca, Cruz Vermella, Policía Local, Garda Civil e persoal dos servizos municipais.

Os medios estarán coordinados durante toda a xornada para atender posibles incidencias e garantir o desenvolvemento da romaría con seguridade. Ademais dos postos base que se instalarán no Paseo da Tolerancia e no Campo dos Caneiros, varias embarcacións de Protección Civil percorrerán o río para realizar tarefas de vixilancia e atención.

O dispositivo prestará especial atención á seguridade durante a navegación e ao cumprimento das normas establecidas. Tamén se controlará a venda de bebidas alcohólicas a menores e estará prohibida a navegación de motos acuáticas polo río, cun control específico para evitar o incumprimento desta prohibición.

Desde o Concello lembran ás persoas participantes a importancia de seguir as indicacións dos servizos de seguridade e emerxencias e de colaborar co persoal encargado do operativo.

Punto Violeta durante a romaría

A xornada contará tamén cun Punto Violeta no Campo dos Caneiros. O espazo permanecerá operativo entre as 17.00 e as 21.00 horas e ofrecerá información, atención e axuda, ademais de desenvolver labores de sensibilización e prevención fronte ás agresións sexistas e á violencia contra as mulleres durante as festas.

Deste xeito, a segunda xira aos Caneiros volverá combinar a tradición dunha das celebracións máis características de Betanzos cun amplo programa musical e un dispositivo especial destinado a garantir a seguridade e o benestar das persoas que participen na xornada.

0.1241819858551