A segunda fase de ampliación de BiciCoruña suma 30 novas estacións nos barrios da cidade

ACoruñaXa
A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe o mapa provisional de localizacións, que inclúe a Xuxán, San Pedro de Visma, A Gaiteira, Palavea e Pedralonga entre as zonas que pasarán a contar coa súa primeira base a medio prazo
Imaxe de Inés Rey na presentación de BiciCoruña
12 Xul 2024

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fixo balance esta mañá dos avances que está a experimentar o servizo municipal BiciCoruña, xusto cando se cumpren dous anos desde a primeira renovación do sistema, executada en xuño de 2022 e que, supuxo, por exemplo, a incorporación das primeiras bicicletas eléctricas á frota de vehículos de BiciCoruña.

“Por aquel entón, contabamos con 23 estacións dispoñibles na cidade. Hoxe, xa son 49, con outras seis bases en fase de trámite”, expuxo a rexedora, que puxo en valor o traballo progresivo que se está a levar a cabo de forma conxunta entre os equipos de profesionais da Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade e BiciCoruña para abordar a que será a segunda fase de ampliación do servizo, que permitirá a posta en marcha doutras 30 bases, ata chegar a 85.

Rey apuntou que estas 30 novas estacións iranse incorporando de forma progresiva nos diversos distritos da cidade, “atendendo especialmente os barrios onde hai máis usos e demanda, ou, por outra banda, onde actualmente non hai bases dispoñibles e si veciñas e veciños interesados en ser usuarios do servizo”.

As localizacións das bases, con carácter provisional

A alcaldesa insistiu hoxe no traballo previo que se está a executar para delimitar as mellores localizacións posibles para as futuras bases de BiciCoruña, unha escolla que, por agora, é de carácter provisional “e sempre ten unha lóxica, porque as estacións deben estar preto de espazos nos que, por exemplo, sexa máis sinxelo contar con subministro eléctrico para manter operativa a base e facilitar a carga das bicicletas”, expuxo.

Os factores que se tiveron en conta de cara á configuración deste mapa da segunda fase de ampliación foron, entre outros, a maior ou menor rotación de bicicletas segundo os barrios, as demandas veciñais e, ademais, os futuros percorridos de carril bici que se sumen á rede xa existente, “que no ano 2019 era de 23 quilómetros e, a día de hoxe, é de 53 quilómetros, máis do dobre que por aquel entón”.

Primeiras bases para Xuxán, San Pedro de Visma, A Gaiteira e Palavea

Na rolda de prensa desta mañá, Inés Rey afondou nas principais novidades desta segunda fase de ampliación de BiciCoruña, na que os barrios de Xuxán, San Pedro de Visma, A Gaiteira, Palavea e Pedralonga pasarán a dispor das súas primeiras estacións. No caso desta última, atendendo ao fluxo diario de persoas que se prevén que incremente a medida que vaia medrando a Cidade das TIC.

Esta atención aos barrios tamén será visible nos Mallos, onde está previsto habilitar unha nova base preto da rúa San Vicente, nun punto de paso habitual de bicicletas e a carón da rúa Ramón Cabanillas. Ademais, tamén se proxecta habilitar unha base en Lonzas, co obxectivo de darlle servizo ás persoas que alí se desprazan, por exemplo, por trámites de carácter administrativo.

En Monte Alto, o Concello ten previsto incorporar dúas máis: na rolda de Monte Alto e preto do novo mercado, dando servizo ao sector oeste do barrio.

Ademais, tamén está sobre a mesa a creación dunha nova base nos Cantóns-Alameda e outra en San Andrés, medida que explicou polo miúdo a alcaldesa: “Debemos habilitar máis espazos para depositar as bicicletas e facilitar a rotación de vehículos, polas flutuacións barrios-centro que teñen a súa orixe nos desprazamentos laborais. Nos Cantóns, mais tamén na contorna da intermodal, polas persoas que se desprazan desde barrios como Monte Alto ata a estación de San Cristovo para viaxar, posteriormente, en tren, e, posteriormente, voltar a casa, tras rematar a súa xornada laboral”, un perfil de usuario que se ten detectado na rede de BiciCoruña. Por iso, na Sardiñeira está previsto habilitar outras dúas bases ao abeiro da segunda fase de expansión.

Outras dúas, tamén en Novo Mesoiro, para propiciar a mobilidade sostible intrabarrio e de usar o vehículo particular para desprazarse por Novo Mesoiro.

Ademais destas bases, tamén se proxecta habilitar outras na Agra do Orzán, en Agrela, o Barrio das Flores, a contorna de Bens-Meicende, o Ensanche, Monelos, O Birloque, O Castrillón, Os Castros, Os Rosales e Vioño. Todas as localizacións son, polo momento, provisionais.

“Somos conscientes de que a cidade pode ir mudando en termos urbanísticos en áreas específicas como pode ser San Pedro de Visma ou tamén nos espazos asociados á fachada marítima. Por iso, das 30 estacións previstas, hai tres que se acometerán baseándose nas necesidades que se vaian detectando ao longo desta nova fase de expansión. É dicir, fican abertas ao que poda xurdir a medio e longo prazo”, incidiu.

BiciCoruña conta xa con case 15.000 persoas usuarias

A alcaldesa, acompañada hoxe pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, puxo en valor “o compromiso amosado polo Goberno municipal para mellorar o servizo municipal BiciCoruña, unha realidade que chegou para quedar e mudar a mobilidade urbana tal e como se tiña concibida anos atrás na cidade”.

O último informe de BiciCoruña reflicte os avances experimentados na cidade neste sentido. Hai dous anos, cando se completou a renovación do servizo, eran 3.058 as persoas usuarias. “Hoxe son 14.768, case cinco veces máis que por aquel entón”, detallou Inés Rey.

O apoio ao sistema tamén é palpable no referente aos usos contabilizados na plataforma. No primeiro semestre de 2023, entre xaneiro e xuño, rexistráronse 546.000 usos. Este ano, para o mesmo período, foron 629.000.

A rexedora destacou, ademais, o impacto positivo que está a ter o uso de BiciCoruña en termos medioambientais. “No que vai de ano contabilizáronse 123.354 horas de utilización do servizo. Isto, extrapolado a un vehículo de combustión e, máis concretamente, a canto CO2 evitamos liberar á atmosfera, serían 330 toneladas menos”.

0.19619393348694