A secretaria de Igualdade da Xunta louva o labor en dereitos da Asociación de Amas de Casa
O pasado martes a secretaria xeral da Igualdade da Xunta, Sandra Vázquez, participou nunha xornada organizada pola Asociación de Amas de Casa da Coruña ante a conmemoración do 8 de marzo, Día internacional da muller, onde lembrou que Galicia é unha comunidade comprometida coa construción dunha sociedade xusta, inclusiva e igualitaria onde todas as mulleres e nenas poidan vivir en liberdade.
Sandra Vázquez incidiu en que a Administración autonómica traballa para que “toda a cidadanía teña dereito a desenvolver unha vida plena, independentemente da súa orixe, xénero e orientación sexual”.
“Desde a Xunta levamos a cabo medidas para fomentar a creación de asociacións e agrupacións de mulleres como a vosa”, indicou a representante autonómica, que puxo en valor a importancia de crear redes de apoio, solidariedade e compromiso “para seguir traballando pola conquista de novos dereitos, tomar conciencia das inxustizas, loitar polos colectivos máis vulnerables e facer do feminismo un movemento cada vez máis hexemónico”.
A secretaria puxo en valor os case setenta anos de historia desta entidade que traballa polos dereitos das mulleres e se implica en causas sociais, relacionadas co consumo, os dereitos das mulleres vulnerables, a cultura e a formación. Agradeceu á Asociación de Amas de Casa da Coruña o seu labor, así, por “abrir camiño de xeito desinteresado” para conseguir deixar un mundo máis xusto e Igualitario para as mulleres que están e que virán.