A Sala Garufa acolle un concerto solidario a prol das enfermidades raras e crónicas

ACoruñaXa
O evento será este venres 2 de febreiro e contará coa actuación de EmeGcé, Candela Liste, Extrema urxencia e Candy´s Freckles
Concerto Solidario Sala Garufa
Concerto Solidario Sala Garufa
1 feb 2024

Este venres 2 de febreiro ás 21.30 horas na sala Garufa da Coruña celebramos por segundo ano consecutivo un concerto solidario onde a recadación destinarase a Fegerec (Federación galega de enfermidades raras e crónicas) como apoio ás actividades a pacientes en todos os ámbitos de atención.

Os grupos que actuarán serán EmeGcé, Candela Liste, Extrema urxencia e Candy´s Freckles facendo da súa música un son solidario a favor das enfermidades raras.

Este concerto está organizado polo Club de Leóns A Coruña Decano e conta co patrocinio de Clínica médico dental Pardiñas, e serve para potenciar a visibilización da enfermidades raras nun mes moi especial para o colectivo, xa que o 29 de febreiro (un día raro por ser ano bisiesto) celébrase o Día Mundial das enfermidades raras en toda España.

As enfermidades raras son por definición infrecuentes, e pouco coñecidas a nivel de opinión pública, que en Galicia sofren, con preto de 7.000 patoloxías diferentes, unhas 200.000 persoas. A visibilidade das mesmas forma parte dun obxectivo necesario para a comprensión da dificultade cotiá, das persoas con diagnóstico ou en proceso de procura de diagnóstico, como das súas contornas familiares.

Ao atractivo musical do evento, únese un sorteo entre os asistentes dun fragmento dunha icónica chaqueta vaqueira de John Lennon de gran valor para todos os que Os Beatles forman parte da súa historia e recordos musicais.