A rotura dunha tubaxe xeral deixa sen auga varias zonas de Culleredo
O Concello de Culleredo informa dunha rotura na tubaxe xeral de abastecemento de auga na rúa Eduardo Pondal, ocasionada por obras realizadas cunha escavadora por parte dunha empresa construtora privada.
Esta tubaxe, que distribúe a auga desde o depósito de Monte Alfeirán, sufriu danos que obrigaron ao servizo municipal de augas a intervir de urxencia. Para realizar a reparación, foi necesario interromper temporalmente o subministro de auga, afectando especialmente A Corveira e a parte alta da avenida de Vilaboa, que agora mesmo carecen de servizo.
Ademais, é posible que se produzan baixadas de presión noutros puntos de Vilaboa debido á derivación do subministro desde outro depósito.
O goberno local está traballando para completar as reparacións coa maior celeridade posible e lamenta as molestias ocasionadas por unha incidencia allea ao Concello.