A Romaría de Santa Margarida poñerá fin a programación das Festas de María Pita

ACoruñaXa
A Romaría incluirá concertos de Rodrigo Cuevas e Fetén Fetén, así como obradoiros e espectáculos para toda a familia, pechando as Festas de María Pita cunha intensa programación cultural
A Romaría de Santa Margarida, unha tradición do calendario estival da cidade, volve esta semana
29 Ago 2024

As Festas de María Pita 2024 arrincan este xoves a súa fase final coa Romaría de Santa Margarida, que se desenvolverá entre o xoves 29 e o domingo 1 de setembro. Este ano, o evento destaca pola súa ampliación a catro xornadas repletas de actividades culturais e musicais que buscan potenciar a tradición galega e o tecido asociativo da cidade.

A programación comeza este xoves cun concerto de Rodrigo Cuevas ás 22.00 horas no anfiteatro, coas entradas xa esgotadas. O artista asturiano, coñecido pola súa innovadora fusión de música tradicional e contemporánea, será precedido pola banda local Pansenfron, que ofrecerá o seu espectáculo a partir das 21.30 horas. A noite continuará no Planetario da Casa das Ciencias cunha actuación dobre de Trilitrate, que combinará música folk e imaxes a través do novo sistema visual do espazo.

O venres 30 de agosto contará cunha Gran Noite do Folclore a partir das 21.00 horas, que incluirá as actuacións de Donaire, Xacarandaina e Son D’Aquí, co humorista Caxoto como mestre de cerimonias. A compañía de danza Óscar Cobos tamén se sumará á festa co seu espectáculo "Bailador", que comezará ás 22.15 horas.

O sábado 31, a explanada da Casa das Ciencias converterase no centro de actividades co Espazo Participativo, que ofrecerá obradoiros para diferentes idades e unha mostra de artesanía musical. Durante a xornada, destaca a actuación de Maghúa ás 13.30 horas, e pola noite, no anfiteatro, actuarán De Ninghures ás 20.30 horas, Tiruleque ás 22.00 horas e Xurxo Fernandes ás 23.35 horas.

O domingo 1 de setembro culminará co concerto da Banda Municipal de Música da Coruña e Cántigas da Terra ás 12.00 horas na explanada da Casa das Ciencias. A xornada contará tamén coas actuacións de Pesdelán, Espadana e Caldo, e rematará co espectáculo de Fetén Fetén ás 20.00 horas, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre ás 21.30 horas e Startijenn ás 23.10 horas. A noite pecharase cun espectacular show de fogos artificiais programado para as 22.50 horas.

 

0.21382784843445