A Romaría da Familia de Paderne reunirá música, humor e actividades para todas as idades o 29 de agosto

A Romaría da Familia volverá converter o Telleiro de Paderne nun punto de encontro para veciños, familias e grupos de amigos o vindeiro sábado 29 de agosto, cunha programación que combinará música en directo, humor, xogos populares e actividades infantís ao longo de toda a xornada.
A festa arrancará ás 13.00 horas coa actuación de Laura Añón e Carlos Manteiga, que abrirán unha celebración na que o Concello habilitará tamén un servizo de pulpeira, aínda que as persoas asistentes poderán levar a súa propia comida. Para iso, os grupos interesados poden reservar espazo no Telleiro ata o 21 de agosto.
Tras o xantar desenvolveranse os tradicionais campionatos de cartas, parchís, dominó e bingo, pensados para fomentar a participación de persoas de todas as idades. A programación incluirá ademais inchables, unha festa da escuma e unha chocolatada con churros para a cativada.
O humor chegará da man do monologuista Pepe Suevos, mentres que o peche musical correrá a cargo de Roi Casal, encargado de poñer o broche final á romaría cun concerto nocturno.
A Romaría da Familia consolidouse como unha das citas festivas máis destacadas do calendario local, cunha proposta centrada na convivencia e na participación veciñal.