A rítmica volverá encher de movemento a primavera deportiva cun certame xa consolidado en Carral

A ximnasia rítmica volverá ser unha das grandes protagonistas da programación deportiva de primavera en Carral. O Concello, en colaboración co Club de Ximnasia Rítmica de Carral, organizará o vindeiro 19 de abril o XXIII Certame Municipal, unha cita que xa forma parte do calendario habitual do municipio e que reunirá a centos de participantes nunha xornada pensada para a exhibición e a convivencia entre clubs.
O evento desenvolverase entre as 10.00 e as 14.30 horas no pavillón do colexio Vicente Otero Valcárcel. O cambio de localización responde á ocupación do ximnasio do pavillón municipal do Espiño, habitual escenario desta actividade noutras edicións.
A proposta manterá o seu carácter non competitivo, polo que o certame funcionará como unha mostra deportiva na que distintas escolas e entidades da comarca e da provincia compartirán pista. O obxectivo pasa por fomentar a práctica da ximnasia rítmica e reforzar a relación entre os distintos clubs participantes.
Está prevista a asistencia dunhas 250 ximnastas do Club de Ximnasia Rítmica de Carral, da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica de Carral, da Escola de Ximnasia Rítmica de Ordes, da Escola Municipal de Abegondo, do Colexio Obradoiro, do Club de Ximnasia Rítmica As Pontes e do Colexio Internacional Eirís.
A relevancia desta disciplina en Carral queda tamén reflectida no peso que ten dentro do deporte local. O municipio conta cun club con máis de 60 licenzas federativas e cunha Escola Municipal que reúne preto de 70 nenas inscritas. Ao longo das súas vinte e tres edicións, o certame foi gañando presenza ata converterse nun dos eventos máis recoñecibles das primaveras deportivas da localidade.