A rítmica enche Carral nun certame sen competición e con ampla participación

ACoruñaXa
A vixésimo terceira edición da cita reuniu arredor de 250 ximnastas, 78 actuacións e oito clubs e escolas da provincia no pavillón do CEIP Vicente Otero Valcárcel
CARRAL ximnasia 2025
Imaxe da edición de 2025
20 Apr 2026

Carral volveu converterse esta fin de semana nun punto de encontro para a ximnasia rítmica coa celebración do XXIII Certame Municipal, unha cita xa asentada no calendario deportivo local e que reuniu arredor de 250 deportistas nunha intensa xornada de exhibición. O evento desenvolveuse o domingo 19 de abril no pavillón do CEIP Vicente Otero Valcárcel, nun cambio de localización motivado pola ocupación do ximnasio do pavillón municipal do Espiño, escenario habitual noutras edicións.

A principal particularidade desta edición é que o certame mantivo o seu carácter non competitivo, polo que non houbo clasificación xeral nin un club vencedor. A proposta estivo centrada na mostra deportiva e na convivencia entre entidades, nun formato pensado para fomentar a práctica da ximnasia rítmica e reforzar os vínculos entre escolas e clubs participantes.

En total, a cita sumou 78 actuacións e contou coa presenza de oito clubs e escolas da provincia, entre eles o Club de Ximnasia Rítmica de Carral e a Escola Municipal de Ximnasia Rítmica de Carral, ademais doutros conxuntos convidados. O Concello organizou o evento en colaboración co club local, nunha nova mostra do peso que esta disciplina ten no municipio.

A relevancia da rítmica en Carral tamén se reflicte na súa estrutura de base. O club local supera as 60 licenzas federativas e a escola municipal reúne preto de 70 nenas inscritas, cifras que explican a consolidación dun certame que, ano tras ano, segue gañando presenza dentro da programación deportiva da primavera carralesa.

0.12838983535767