A riqueza botánica de Mariñán protagoniza unha ruta polas súas árbores monumentais

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña organizou en Bergondo a primeira edición desta actividade, que completou as 35 prazas dispoñibles
DIPU CORU arbores mariñan
26 May 2026

Os xardíns do Pazo de Mariñán, en Bergondo, convertéronse no escenario da primeira Ruta das Árbores Monumentais, unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña para achegar á cidadanía o valor natural, histórico e paisaxístico dun dos espazos patrimoniais máis singulares da provincia.

A actividade completou o seu aforo, con 35 participantes, e permitiu descubrir de preto a riqueza botánica deste enclave, propiedade da institución provincial. A proposta combinou unha introdución teórica cun percorrido guiado polos xardíns, co obxectivo de divulgar a importancia ambiental e cultural do conxunto.

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García López, acompañou as persoas asistentes durante a xornada e destacou o compromiso da Deputación coa conservación e difusión do patrimonio natural da provincia.

A sesión estivo dirixida por Mónica Maceiras Rioboó, enxeñeira técnica agrícola especializada en xardinería e arboricultura. A primeira parte centrouse na historia dos pazos galegos, na súa estrutura e nos elementos que os caracterizan, así como no papel que os xardíns desempeñan dentro destes espazos históricos.

Despois, os participantes percorreron os exteriores do Pazo de Mariñán para coñecer os seus distintos ámbitos axardinados e identificar especies de alto interese botánico. Entre elas figuran plátanos de sombra, eucaliptos, camelias, buxos, palmeiras datileiras, mirtos, érbedos, teixos, cipreses de Portugal e freixos do maná.

Os xardíns de Mariñán, de trazado xeométrico e inspiración francesa, destacan pola súa diversidade de árbores e arbustos. Algunhas das especies presentes neste espazo están incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, o que reforza o seu valor como referente natural e patrimonial de Galicia.

0.11870718002319