A Ribeira de Chantada avanza cara á súa recuperación ambiental e paisaxística cun novo proxecto

ACoruñaXa
A iniciativa contempla a retirada de especies invasoras, a mellora da marisma e o acondicionamento da senda entre Ponte do Porco e a ponte do Pedrido
BIOSFERA paderne
11 Aug 2026

A Ribeira de Chantada, á beira da marisma de Betanzos, será obxecto dun proxecto de recuperación ambiental, paisaxística e de posta en valor da súa biodiversidade impulsado conxuntamente pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e o Concello de Paderne. A iniciativa desenvólvese dentro da estratexia 'Proxecta Paisaxe', un proceso participativo que busca definir proxectos de mellora do territorio nos 17 concellos que integran a Reserva.

Representantes de ambas as entidades realizaron este martes unha visita de campo para analizar os espazos incluídos na actuación e avanzar na definición das intervencións. O proxecto busca recuperar un contorno de elevado valor natural e, ao mesmo tempo, ordenar o seu uso público para que poida ser desfrutado pola cidadanía sen comprometer a conservación do espazo.

Restauración da marisma e eliminación de especies invasoras

Unha das principais liñas de actuación será a restauración ecolóxica do ecosistema de marisma e a recuperación da paisaxe litoral, actualmente alterada pola presenza de eucaliptos e de especies exóticas invasoras como a herba da Pampa.

Entre as actuacións previstas inclúese tamén a retirada de residuos, o reforzo da vexetación autóctona e un estudo para analizar a capacidade de almacenamento de carbono da marisma. As intervencións formularanse mediante solucións brandas, reversibles e de baixo impacto visual e ambiental.

O proxecto contempla ademais a posible posta en valor dun miradoiro sobre a ría, desde o que se poderían contemplar nunha mesma perspectiva a ponte do Pedrido e o Pazo de Mariñán.

Unha senda para conectar Miño, Paderne e Betanzos

A segunda gran liña de traballo centrarase no acondicionamento da senda entre Ponte do Porco e a ponte do Pedrido, co obxectivo de mellorar o percorrido e favorecer un uso público respectuoso co contorno.

A intención é que esta actuación poida ter continuidade territorial e contribuír a configurar unha rede comarcal de percorridos litorais que conecte os concellos de Miño, Paderne e Betanzos.

O ámbito de actuación sitúase na marxe oriental da marisma de Betanzos e está integrado na ZEC Betanzos-Mandeo, a Rede Natura 2000 e a zona núcleo da Reserva de Biosfera, polo que as intervencións deberán formularse desde criterios de conservación e mínimo impacto.

O proxecto entra agora nunha nova fase

Durante as últimas semanas, os equipos técnicos da Reserva de Biosfera e do Concello de Paderne realizaron reunións e visitas sobre o terreo para identificar os espazos de actuación, analizar os posibles trazados e establecer as prioridades do proxecto.

Os próximos pasos pasan por pechar o trazado preferente e as alternativas por tramos, ademais de iniciar a interlocución coas persoas propietarias dos terreos afectados e coas diferentes institucións implicadas.

A actuación enmárcase nunha estratexia máis ampla coa que a Reserva de Biosfera pretende desenvolver unha carteira común de proxectos de recuperación ambiental e paisaxística nos distintos concellos das Mariñas Coruñesas.

0.11875200271606