A rexeneración da ría centra o encontro entre o BNG e Amigos dos Ríos de Betanzos

A protección dos ríos e a recuperación ambiental da ría de Betanzos centraron o encontro mantido polo BNG coa Asociación Amigos dos Ríos de Betanzos (ARBE), unha entidade vencellada á defensa, conservación e uso social dos espazos fluviais do municipio.
A reunión celebrouse no marco da rolda de contactos que a organización nacionalista está a manter co tecido asociativo betanceiro, co obxectivo de coñecer de primeira man as demandas de colectivos, entidades e clubs da cidade.
Durante o encontro, representantes de ARBE trasladaron as súas principais preocupacións arredor do estado dos ríos que atravesan Betanzos e da propia ría. Entre as peticións formuladas figuran actuacións de mantemento, medidas para mellorar o saneamento, a retirada de sedimentos e a creación dunha campa de varada, unha demanda vinculada ao uso tradicional e recreativo da lámina de auga.
O BNG defende que a rexeneración integral da ría debe converterse nunha prioridade política para as administracións implicadas. A formación considera que Betanzos, polo seu vínculo histórico, ambiental e social cos ríos Mandeo e Mendo, precisa unha estratexia sostida no tempo que combine saneamento, conservación, prevención da degradación e recuperación dos espazos de uso cidadán.
O novo integrante do grupo municipal do BNG, Antón Tenreiro, subliñou tras o encontro que 'o coidado dos ríos e da ría debe ser un labor prioritario para calquera goberno betanceiro'. Tamén remarcou a importancia de manter unha relación constante con entidades como ARBE, polo seu coñecemento directo do territorio e da evolución dos problemas que afectan aos cauces.
Na reunión participou tamén o responsable local do BNG de Betanzos, Moncho Bouzas. A formación avanzou que continuará os contactos con asociacións e colectivos do municipio para incorporar as súas achegas ao traballo político municipal.