A reurbanización das rúas San Mateo e Padre Sarmiento mellorará os accesos a Santa Margarida
Este mércores 6 de marzo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación das obras de reurbanización das rúas San Mateo e Padre Sarmiento, nas inmediacións de Santa Margarida.
A intervención forma parte do abano de 17 actuacións cofinanciadas a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation, na que o Concello obtivo máis de 9 millóns do Goberno estatal en abril do ano pasado.
"Como xa anunciamos en setembro, ao licitar os traballos, está previsto crear unha plataforma única para remodelar as zonas de acceso peonil e de tráfico rodado. Ademais, ampliaranse as zonas verdes existentes, apostando pola súa sintonía cos elementos medioambientais existentes no parque", expuxo a alcaldesa, Inés Rey.
Esta intervención, que executará a empresa Vázquez y Reino nun prazo de dez meses, conta cun orzamento de 825.000 euros.