A restauración do santuario da Laxe supera os 250.000 euros tras a adxudicación das obras

O santuario de Nosa Señora da Laxe encara unha actuación clave para garantir a súa conservación. A Xunta de Galicia adxudicou as obras de restauración da fachada principal e do campanario deste templo de Vilasantar, unha intervención que contará cun investimento de 256.258,02 euros e que busca poñer solución a problemas de humidade e estabilidade detectados no inmoble.
Os traballos, financiados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, foron contratados coa empresa Citanias Obras y Servicios, S.L.U. A actuación executarase en dúas anualidades, aínda que a maior parte do investimento se concentrará en 2026, con 217.819,32 euros previstos para este exercicio. O prazo máximo de execución será de seis meses desde o inicio das obras.
A adxudicación foi presentada durante unha visita ao santuario da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, que estivo acompañada polo alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez Fernández, e polo cura don Miguel. Durante o percorrido polo interior e o exterior da igrexa, a comitiva puxo o foco na importancia patrimonial do edificio e na necesidade de actuar para evitar que os danos sigan avanzando.
A intervención centrarase especialmente no rosetón da fachada principal, onde se rexistran filtracións de auga. Para corrixir este problema substituirase a carpintería existente e melloraranse as condicións de impermeabilización e ventilación do templo. O proxecto tamén inclúe actuacións no campanario, coa desmontaxe e posterior reconstrución da cúpula que coroa a torre.
Ademais, reforzarase a base da cúpula mediante un novo rexuntado e realizaranse traballos nos contrafortes, co obxectivo de mellorar a estabilidade do conxunto. A actuación pretende combinar a protección estrutural do edificio coa conservación da súa imaxe e dos seus valores patrimoniais.
A visita institucional serviu tamén para abrir a porta a novas intervencións no patrimonio relixioso de Vilasantar. O alcalde trasladou á delegada territorial a necesidade de actuar na igrexa de Santa María do Mezonzo, un dos principais referentes románicos do municipio e declarada monumento histórico-artístico en 1931.
Fernando Pérez Fernández solicitou o apoio da Xunta para acometer labores de limpeza no edificio e pequenas melloras no seu interior. O obxectivo, segundo trasladou, é continuar avanzando na conservación dun patrimonio que forma parte da identidade do municipio e que require actuacións periódicas para garantir a súa protección.