A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas creará unha rede de centros para ser referente no ecoturismo

ACoruñaXa
O proxecto transformará 12 espazos en puntos de educación ambiental e promoción turística abertos todo o ano
Cetro interpretación de Coirós
4 Dec 2024

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas avanza na creación dunha Rede de Centros de Interpretación destinada a harmonizar o seu territorio como destino de ecoturismo de calidade. Cun investimento de 236.460 euros financiado con fondos Next Generation, dotaranse 12 instalacións con contidos adaptados á temática da Reserva, en colaboración cos concellos implicados e a Deputación da Coruña.

Entre os espazos seleccionados destacan a Aula de Natureza de Crendes en Abegondo, o Museo do Mar de Sorrizo en Arteixo, o Museo das Mariñas en Betanzos ou o Xardín Botánico do Burgo en Culleredo, entre outros. Cada centro ofrecerá materiais didácticos, soportes divulgativos e actividades específicas que interpretarán o patrimonio natural e cultural da zona.

Segundo explicou o presidente da Reserva, José Antonio Santiso, “con esta rede darase un impulso á divulgación do noso patrimonio, á educación ambiental e á promoción dos produtos turísticos e empresas certificadas na nosa marca de calidade”. Santiso destacou a importancia de sumar esforzos entre os concellos para achegar puntos de interese en todo tipo de contornas: desde o litoral ata os ríos, pasando polo monte ou o patrimonio histórico.

O proxecto inclúe actuacións específicas en cada centro. Por exemplo, no Museo do Mar de Sorrizo recrearase un ecosistema litoral en resina e instalarase un mural de 7 metros con especies representativas, mentres que en Betanzos habilitarase unha recreación dun posto tradicional da Feira. Outras intervencións inclúen refuxios para fauna en Curtis ou paneis interactivos nos centros de Abegondo e Oleiros.

A rede estará operativa os 365 días do ano e pretende converterse nun referente para o ecoturismo sostible, promovendo a sensibilización sobre os valores da Reserva de Biosfera recoñecida pola UNESCO en 2013.

⚙ Configurar cookies
0.10372996330261