A renovación das beirarrúas entre Gandarío e Sada arranca cun investimento de medio millón

ACoruñaXa
O Concello de Bergondo executa unha reforma integral na AC-162 para mellorar a seguridade viaria, o saneamento, o abastecemento e a iluminación pública
BERGONDO beirarrúas
9 Jun 2026

O Concello de Bergondo iniciou as obras de renovación das beirarrúas e dos servizos na estrada AC-162, nun tramo que vai desde o núcleo da Lagoa, en Gandarío, ata o límite co municipio de Sada. A actuación conta cun orzamento de 512.849 euros e está cofinanciada con fondos municipais e a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

O proxecto supón unha reforma integral da zona e chega despois da intervención de urxencia realizada en xuño de 2025 na marxe esquerda da vía, cando foi necesario reparar un pequeno tramo de beirarrúa que sufrira un colapso.

Os traballos inclúen a renovación da rede de saneamento en todo o percorrido comprendido entre A Lagoa e o límite con Sada, así como a substitución da rede de abastecemento existente nas dúas marxes da estrada. Tamén se actuará na iluminación pública da marxe esquerda.

A intervención permitirá, ademais, repoñer a totalidade das beirarrúas e crear unha zona con pavimento diferenciado a modo de miradoiro no extremo occidental da praia de Gandarío, un punto especialmente vinculado ao uso peonil e ao tránsito da contorna.

Desde o goberno local subliñan a importancia desta obra, xa que permitirá mellorar a seguridade viaria nun tramo moi utilizado a diario pola veciñanza e que serve de conexión entre Bergondo e Sada, municipio ao que acoden moitas persoas para realizar compras ou xestións. Ademais, destacan que a actuación dotará os veciños e veciñas da Lagoa de servizos esenciais modernos e completamente renovados.

O Concello advirte de que durante a execución das obras poderán producirse retencións puntuais na vía. Por iso, pide paciencia á cidadanía ante unhas molestias temporais que permitirán acadar unha mellora relevante nesta estrada.

0.13017582893372