A rehabilitación de vivendas busca atraer traballadores ao rural desde Curtis

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo un encontro con representantes da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial Curtis-Teixeiro para abordar novas medidas dirixidas a reforzar o emprego e dar resposta ás necesidades de persoal das empresas no rural galego.
Durante a reunión, celebrada en Curtis, a Xunta puxo en valor a nova convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivendas en municipios de menos de 20.000 habitantes. A liña, impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, conta cun orzamento inicial de 1,5 millóns de euros e ten o prazo de solicitude aberto ata o 15 de xullo.
O obxectivo é facilitar que vivendas unifamiliares ou edificios residenciais rehabilitados poidan destinarse ao alugueiro ou á cesión de uso de persoas contratadas por empresas con centros de traballo en Galicia. A medida busca, segundo explicou a Xunta, responder á falta de man de obra en sectores estratéxicos, mellorar o acceso á vivenda dos traballadores e contribuír á fixación de poboación no territorio.
Poderán optar ás axudas propietarios, usufrutuarios ou cesionarios dos inmobles por un prazo mínimo de 10 anos. Tamén poderán participar empresas, persoas físicas ou xurídicas e Concellos que acorden destinar esas vivendas ao persoal traballador.
Na valoración das solicitudes teranse en conta factores como que as persoas destinatarias traballen nun sector estratéxico, a distancia entre a vivenda e o centro laboral, a situación demográfica do municipio ou a sostibilidade da rehabilitación. Tamén se valorará que os inmobles se destinen a persoas contratadas a través do programa Retorna Cualifica Emprego ou beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior.
José González aproveitou a visita para destacar tamén outras medidas autonómicas vinculadas á formación adaptada ás necesidades das empresas. Entre elas citou os Bonos Talento Empresa, que poderán solicitarse desde o 2 de xuño ata o 3 de agosto de 2026, e que permitirán impulsar formación áxil e non regrada para os cadros de persoal.
O conselleiro enmarcou estas actuacións nun modelo orientado a sumar talento, tanto a través do retorno de galegos do exterior como mediante unha captación ordenada de profesionais doutros países, sempre vinculada ás necesidades reais das empresas e á integración sociolaboral en Galicia.