A reforma dos Cantóns na Coruña creará máis espazos verdes e peonís no corazón da cidade

ACoruñaXa
A reurbanización dos Cantóns aportará 9.500 metros cadrados de uso peonil e configurará a nova porta de acceso aos espazos portuarios
Imaxe da presentación do novo proxecto de Os Cantóns na Coruña
Imaxe da presentación do novo proxecto de Os Cantóns na Coruña
11 Xuño 2024

Este martes 11 de xuño presentouse na Coruña o proxecto definitivo de remodelación da contorna dos Cantóns, entre Juana de Vega e a Autoridade Portuaria. Esta actuación será a fase cero da integración portuaria na cidade e "fará resplandecer de novo un dos espazos públicos máis queridos da Coruña", tal e como apuntou a Inés Rey, a alcaldesa da cidade. Durante a presentación Rey estivo acompañada pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, á que agradeceu a colaboración da Xunta na actuacion tras o encontro mantido no mes de maio co seu presidente, Alfonso Rueda.

O proxecto de reurbanización foi explicado en detalle polos seus redactores, Xosé Manuel Vázquez Mosquera e Carmen Calatayud Romero. A actuación busca adaptar os Cantóns á reducción do tráfico motorizado e ás condicións da Zona de Baixas Emisións, mellorando a continuidade peonil entre a rúa Real e a praza de Lugo e recuperando o vínculo e a proximidade ao Porto e aos xardíns de Méndez Núñez.

O proxecto presentado no día de hoxe deberá ser aprobado por Patrimonio da Xunta de Galicia antes de ser licitado e adxudicado. A conselleira de de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue destacou na súa intervención a relevancia do proxecto e salientou a colaboración da Xunta de Galicia para a súa posta en marcha. Unha vez rematado este proceso, o prazo de execución será de 24 meses. O orzamento base ascende a 8 millóns de euros.

Novas peonalizacións e tráfico rodado

A nova configuración dará carácter permanente á instaurada a raíz da pandemia, con un carril de circulación por sentido, beirarrúas máis amplas e un novo carril bici bidireccional que transcorrerá en paralelo cos xardíns de Méndez Núñez. A reforma consolidará e aportará un total de 9.500 metros cadrados de uso peonil. "Remodelaremos de forma integral a porta de entrada ao centro da cidade para adecuala á nova realidade da mobilidade urbana e sostible", indicou Inés Rey.

Ademais, levarase a cabo a peonalización da rúa Entrexardíns e trasladarase a parada do transporte metropolitano á rúa Alcalde Manuel Casás, xunto ao Teatro Colón. "É unha actuación clave para recuperar o vínculo e a proximidade co Porto, con Entrexardíns exercendo de entrada central e natural da cidadanía aos peiraos de Batería e Calvo Sotelo", indicou a alcaldesa. Ademais de Entrexardíns, tamén se peonalizará o treito de Santa Catalina entre Durán Loriga e os Cantóns, cambiando o sentido do resto da rúa en dirección a San Andrés. Como alternativa a ese cambio habilitarase un xiro á esqueda na praza de Mina para os vehículos que veñen da rúa Juana de Vega.

Esta situación suporá modificacións no percorrido das liñas 3 e 7 do transporte urbano, que pasarán a empregar ese xiro á esqueda. As paradas de autobús manteranse, con pequenos axustes para mellorar a súa accesibilidade, e todas contarán cunha ampla marquesiña con aparcadoiros de bicicletas cubertos. Por outra banda, as paradas de taxi do Cantón Grande e de Correos manteranse.

Mellora dos traxectos peonís e ciclables

O proxecto mellora o tránsito peonil entre o barrio de Pescaría e o Ensanche, conectando directamente con outras actuacións como a da rúa Compostela e empregando elementos urbanos similares para manter a sensación de conxunto. A praza de Mina reordenarase para simplificar e mellorar a seguridade, cun novo paso de peóns no entronque da praza coa rúa Sanchez Bregua. Tamén levanranse a cabo melloras nas beirarrúas de Alcalde Manuel Casás e recuperarase a praza da Aduana, propiciando unha maior e mellor integración do espazo portuario na contorna e constituíndose como a entrada metropolitana mediante transporte colectivo na cidade. Establecerase un anel arredor do edificio de Correos e manterase a saída cara a avenida do Porto.

A actuación permitirá tamén reducir a lonxitude dos pasos de peóns entre os Cantóns e os xardíns de Mendez Núñez, propiciando a recuperación das entradas peonís naturais no espazo verde. Ademais, implantaranse pavimentos táctiles e outras melloras de accesibilidade en todo o ámbito da actuación.

O carril bici será bidireccional e estará instalado na marxe dos xardíns, a onde se trasladará a estación de BiciCoruña do Obelisco para integrar este servizo municipal no percorrido ciclable.

Novas zonas verdes e protagonismo do Obelisco

O proxecto contempla novas zonas verdes e árbores, situados en espazos que permitan a súa estandía prolongada, xa que as condicións do subsolo polo aparcadoiro subterráneo limitan os espazos axeitados para o seu correcto desenvolvemento. A nova vexetación plantéxase como unha conexión das zonas verdes dos xardíns de Méndez Núñez e engádense novas árbores en las rúas Nova, Santa Catalina, Marchesi Dalmau e Alcalde Manuel Casás. Haberá un total de 16 novas árbores e 500 metros cadrados de sombra.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou o traballo das persoas redactoras do proxecto, que buscaron "recuperar a imaxe clásica dos Cantóns", na que "o Obelisco recobra o papel central do espazo". Nese sentido, incidiu, "o Obelisco foi, é e será un punto de encontro dos coruñeses e coruñesas e quixemos reforzar esa idea". Nese sentido, a avaliación das condicións de crecemento do metrosidero que está xunto ao Obelisco levarán a trasladalo á ubicación máis próxima que conte cunhas condicións óptimas para a súa saúde, destacando o seu valor conmemorativo cun emprazamento rodeable e que permita a observación do Obelisco coa súa contorna diáfana, así como das visuais que se abren arredor do monumento.

A nova bancada, solución á rampla do aparcadoiro con vocación de novo punto de encontro

Outro dos elementos que destacan dentro do proxecto será a nova bancada, que se levantará como solución para a eliminación do acceso rodado ao aparcadoiro subterráneo, que quedará adaptado como acceso peonil, cunha parte de escaleiras e outra de rampla, e se complementará coa instalación dun ascensor que dará acceso aos dous sotos do aparcadoiro. "Supón un gran avance en materia de accesibilidade a instalación deste elevador e o deseño da bancada é unha oportunidade de crear un novo punto de encontro e reunión", sinalou Rey.

O tratamento do pavimento e mobiliario no conxunto do proxecto busca dar unha imaxe de unidade en toda a contorna. Proba dilo, e tal e como explicaron os redactores do proxecto, o propio perfil da bancada e o seu peto replicarán o estilóbata e pedestal do Obelisco, remarcando ese carácter de elemento central do proxecto.

"A reurbanización dos Cantóns é un proxecto de cidade, pois esta é a porta de entrada ao centro da Coruña, a sala de estar de todos os coruñeses e coruñesas", indicou a alcaldesa, que destacou o carácter universal da obra: "Unha vez rematadas as obras, as persoas serán as protagonistas deste espazo, no que haberá novas zonas verdes, novo mobiliario e novas zonas de esparcemento e recreo".

0.18144392967224