A reforma da travesía de Oseiro avanza cun investimento de 677.000 euros

ACoruñaXa
O goberno de Arteixo levará ao pleno un modificado de crédito para poder licitar a mellora integral do tramo situado entre a rotonda de Sabón e o portal número 28
travesia-oseiro
24 Apr 2026

O goberno municipal de Arteixo someterá ao pleno do próximo xoves un modificado de crédito que permitirá incorporar a partida necesaria para licitar a reforma integral dun tramo da travesía de Oseiro. A actuación contará cun orzamento de 677.000 euros e centrarase na zona comprendida entre a rotonda de Sabón e a altura do portal número 28.

O proxecto busca resolver diferentes necesidades detectadas neste ámbito, especialmente no relativo á mobilidade de vehículos, á seguridade peonil e á accesibilidade. Trátase dun treito da antiga estrada autonómica AC-415 no que o Concello considera necesario actuar para completar beirarrúas, mellorar os percorridos peonís e ordenar os usos da vía.

Entre as intervencións previstas figura a mellora da accesibilidade nas beirarrúas das dúas marxes, coa unión de tramos que actualmente non teñen continuidade. Tamén se prevé recolocar o paso de peóns, reorganizar as prazas de estacionamento e adaptar os espazos destinados aos colectores do lixo.

A actuación incluirá ademais a mellora da marquesiña da parada de autobús existente, a rehabilitación dos firmes e pavimentos e a adaptación da sinalización horizontal e vertical á nova configuración da rúa.

O proxecto tamén contempla actuacións nas redes de servizos. Está prevista a mellora das redes de fecais e pluviais, a execución dun novo tramo da rede de abastecemento de auga na marxe dereita e o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións para eliminar postes e reducir barreiras arquitectónicas nas beirarrúas.

A renovación da rede de alumeado público pola marxe esquerda e a instalación de novo mobiliario urbano completan unha intervención coa que o Concello pretende transformar este tramo da travesía nun espazo máis seguro, accesible e funcional para a veciñanza.

Segundo o goberno local, a reforma segue a liña doutras actuacións desenvolvidas en distintos puntos do municipio, orientadas a mellorar a calidade dos espazos públicos e favorecer o uso das zonas urbanas por parte dos residentes.

0.12540698051453