A Rede Cultural da Deputación aborda en Oleiros novas formas de achegar a cidadanía á cultura

ACoruñaXa
A xornada 'Estratexias de participación do público' reúne este martes profesionais do sector no Centro Cultural A Fábrica de Perillo
DIPU CORU xornadas cultura
12 Oct 2026

A Rede Cultural da Deputación da Coruña analiza este martes novas formas de fomentar a participación da cidadanía na actividade cultural cunha xornada formativa que se celebra no Centro Cultural A Fábrica de Perillo, en Oleiros. O encontro, que comezará ás 10.00 horas, reunirá profesionais do ámbito cultural para compartir experiencias e explorar modelos que permitan implicar de maneira máis activa a diferentes sectores da poboación.

A terceira Xornada Formativa da Rede Cultural leva por título 'Estratexias de participación do público' e céntrase nas dificultades que aínda existen para conseguir que determinados grupos sociais se sintan interpelados pola programación cultural e participen nela.

A iniciativa foi presentada nos últimos días na sede da Deputación, nun acto no que participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e o comisario da xornada, Roberto Pascual.

González destacou a importancia de garantir o dereito de acceso á cultura e sinalou que existen barreiras económicas, xeográficas, sociais, xeracionais e culturais que poden dificultar a participación. Neste sentido, defendeu que as administracións públicas deben ir máis alá do apoio á programación e traballar tamén na creación de públicos e na identificación das súas necesidades.

A deputada subliñou ademais que a Rede Cultural non se limita á contratación de espectáculos, senón que permite facilitar a circulación da creación cultural galega polo territorio e axuda aos concellos a manter programacións culturais estables.

Un coloquio con técnicos de Oleiros, Culleredo e Carral

A xornada contará con dúas dinámicas de traballo. A primeira será un coloquio no que participarán Lucía Filloy, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros; Alexandre Marín, técnico de Cultura do Concello de Culleredo, e Carlos Lorenzo, técnico de Cultura do Concello de Carral.

A conversa, dinamizada por Roberto Pascual, abordará cuestións como a participación dos centros escolares nas actividades culturais, o teatro, as artes de rúa ou a colaboración entre concellos. Tamén se analizará se continúa existindo unha percepción da cultura como unha actividade afastada de determinados sectores da sociedade.

Un teatro foro para explorar novas formas de participación

A segunda dinámica será un teatro foro, unha modalidade de teatro participativo orientada a explorar fórmulas para crear unha estrutura real de gobernanza participativa nun concello.

A proposta estará dinamizada polo actor Miguel Canalejo e contará coa participación de persoas vinculadas a colectivos culturais, entidades do terceiro sector, compañías e produtoras, así como persoal técnico e artístico e persoas usuarias habituais dos equipamentos culturais.

O obxectivo será poñer en común diferentes perspectivas e buscar ferramentas que permitan avanzar cara a modelos de participación máis activos e inclusivos.

 

0.17144894599915