A Real Academia Galega revisita a figura de Ruth Matilda Anderson e a súa ollada pioneira sobre as mulleres galegas

ACoruñaXa
A Fundación Luis Seoane acollerá o 18 de xuño unha xornada aberta ao público sobre a fotógrafa, investigadora e tradutora estadounidense
RAG ruth matilda anderson
14 Jun 2026

A Real Academia Galega dedicará a súa cuarta xornada anual do grupo de traballo 'Pensamento e ensaio' á figura de Ruth Matilda Anderson, unha das investigadoras que mellor retratou a Galicia de comezos do século XX. O encontro celebrarase o vindeiro 18 de xuño na Fundación Luis Seoane da Coruña e estará centrado na visión que a fotógrafa e escritora estadounidense ofreceu das mulleres galegas nun momento histórico no que o seu papel apenas aparecía reflectido nos estudos académicos.

A sesión reunirá a especialistas de distintos ámbitos para analizar a obra de Anderson, conservadora da Hispanic Society of America e autora de 'Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña (1939)', considerado un dos traballos máis completos sobre a realidade social, cultural e económica da Galicia de hai un século.

A investigadora percorreu o país entre 1924 e 1926 documentando coa cámara e coa escrita a vida cotiá da sociedade galega. O seu traballo permitiu conservar milleiros de imaxes sobre oficios, tradicións e modos de vida que estaban a desaparecer coa modernización. Porén, a organización da xornada destaca que a súa achega foi moito máis alá da fotografía, ao desenvolver tamén un importante labor como ensaísta e tradutora.

Un dos aspectos que se abordarán durante o encontro será precisamente a escasa atención que recibiu durante décadas a súa faceta intelectual. A autora Alba Rodríguez Saavedra, que publicou recentemente un ensaio sobre Anderson, afondará no papel da estadounidense como tradutora de Rosalía de Castro e na súa contribución á difusión internacional da literatura galega.

A historiadora Ana Cabana analizará pola súa parte como Anderson foi quen de retratar o traballo feminino sen caer nos estereotipos habituais da época. Nas súas fotografías aparecen leiteiras, redeiras, palilleiras, carteiras ou traballadoras do mar, ofrecendo unha imaxe das mulleres como protagonistas activas da economía e da vida social galega.

A programación completarase coa intervención do fotoxornalista Brais Lorenzo, recentemente recoñecido cun World Press Photo, que establecerá un diálogo entre a súa obra e o legado documental de Anderson a través do proxecto 'Habitar o baleiro', centrado na transformación do rural galego.

A xornada incluirá tamén unha actuación musical da histórica agrupación Cantigas e Agarimos, fundada nos anos vinte, precisamente na mesma Galicia que coñeceu e documentou Ruth Matilda Anderson durante as súas viaxes.

0.12148785591125