A Real Academia Galega celebra os seus 120 anos cun percorrido pola súa historia a través da Rede

GaliciaXa | ACoruñaXa
O novo espazo web pretende mostrar a evolución da Academia ao longo destes 120 anos e, ao mesmo tempo, afondar na historia contemporánea da lingua e da cultura galegas
comitiva-funebre-curros-enriquez-rag
28 Sep 2026

A Real Academia Galega conmemora os seus 120 anos de historia cun novo espazo na súa páxina web no que ofrece un percorrido cronolóxico pola traxectoria da institución desde os proxectos que a precederon no século XIX ata a actualidade. A proposta, que arrinca esta semana con motivo do aniversario da súa inauguración oficial, reúne máis de medio milleiro de fotografías, documentos, libros e páxinas de publicacións periódicas procedentes dos fondos da propia Academia.

O 30 de setembro de 1906, o salón da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns da Coruña acolleu a inauguración oficial da Real Academia Galega, aínda que a súa constitución formal se producira un ano antes, o 4 de setembro de 1905, na Casa do Consulado da Coruña. Entre os documentos que agora recupera a institución figura a acta daquela xornada, na que aparecen os nomes dos 40 académicos de número fundadores, entre eles o primeiro presidente, Manuel Murguía, e o poeta Eduardo Pondal, autor da letra do Himno Galego.

O novo espazo web pretende mostrar a evolución da Academia ao longo destes 120 anos e, ao mesmo tempo, afondar na historia contemporánea da lingua e da cultura galegas. O percorrido comeza coa entrega titulada “Fundación. Herdo e compromiso do Rexurdimento” e avanzará cronoloxicamente ao longo das vindeiras semanas ata chegar aos tempos actuais.

A historia da creación da RAG está tamén vinculada ao labor desenvolvido desde a emigración americana por figuras como o ferrolán Xosé Fontenla Leal e o poeta celanovés Manuel Curros Enríquez, impulsores da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, creada en Cuba. A primeira entrega incorpora fotografías da última visita de Curros Enríquez a Galicia, en 1904, e do multitudinario cortexo fúnebre que acompañou o seu corpo polas rúas da Coruña en 1908, tras a súa repatriación desde A Habana.

A iniciativa recupera tamén documentos relacionados coa sesión inaugural da Academia, entre eles o manuscrito do discurso pronunciado por Manuel Murguía, a crónica publicada por Valentina Lago Valladares na Revista Gallega e un telegrama de felicitación do filólogo sueco Göran Björkman. A presenza de intelectuais estranxeiros entre os primeiros membros correspondentes da institución reflicte ademais a vontade da RAG de establecer desde os seus inicios vínculos internacionais, especialmente con Portugal.

O novo espazo presta igualmente atención á presenza das mulleres na historia da Academia. Valentina Lago Valladares figura entre as primeiras correspondentes, ao igual que outras 22 mulleres que formaron parte desta categoría ata 1923. Entre elas estaban Fanny Garrido, Clara Corral Aller, Filomena Dato Muruais, Eugenia Osterberger e Francisca Herrera Garrido, que en 1945 se converteu na primeira muller elixida membro de número. Emilia Pardo Bazán fora nomeada en 1905 presidenta de honra da institución.

A evolución do labor lexicográfico da RAG ocupa tamén un lugar destacado nesta primeira etapa do percorrido. Seis anos despois da súa inauguración comezou a distribución do primeiro dicionario da Academia, redactado en castelán e publicado en 27 fascículos entre 1913 e 1928, con preto de 12.500 voces. A obra quedou incompleta na entrada correspondente a “cativo”.

A web aborda tamén o papel da RAG en momentos decisivos da historia galega, como os anos de actividade das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, así como a contribución da institución á configuración da memoria colectiva e á consolidación dos símbolos de Galicia, especialmente o himno e a bandeira.

Outro dos capítulos está dedicado aos anos máis duros do franquismo e á evolución posterior da institución. O percorrido recolle decisións como o acordo de 1963 para empregar o galego en toda a documentación e nos escritos públicos da Academia, as reivindicacións do uso da lingua na liturxia e no ensino e a aprobación das primeiras Normas ortográficas, en 1970.

Nesa etapa produciuse ademais un dos fitos máis relevantes da historia da cultura galega: a creación do Día das Letras Galegas. A primeira celebración tivo lugar en 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares gallegos, e estivo dedicada a Rosalía de Castro, cuxa figura serve tamén como imaxe central do percorrido polos 120 anos da institución.

A Real Academia Galega pretende que este novo espazo dixital sexa un arquivo vivo que vaia medrando co paso das semanas e coa incorporación de novos materiais. Deste xeito, a institución busca achegar á sociedade a súa historia, pero tamén explicar o papel que desempeñou na defensa, estudo, promoción e normalización da lingua galega ao longo de máis dun século.

0.14978814125061