A rapazada de Betanzos acende o Nadal con 900.000 LEDs

ACoruñaXa
Na cidade, a decoración medrou con figuras novas: unha campá xigante, un túnel de luz, o nome de Betanzos escrito en luz e uns anxos que dan a benvida a quen cruza a Porta da Vila
acendido-nadal-betanzos
28 Nov 2026

Betanzos acendeu este venres, 27 de novembro, as luces do seu Nadal nun acto na praza García Naveira, que se encheu de veciñas e veciños de todas as idades. O acendido correu a cargo da Asociación Xóvenes do Pobo, que celebra este ano o seu 50 aniversario, da man de Ton Pena, en representación da entidade. A alcaldesa, María Barral, dirixiuse a el: “hoxe son as túas mans as que acenden o Nadal de Betanzos”, e estendeu o recoñecemento a toda a asociación, “das que estiveron desde o primeiro día, das que chegaron despois, das que xa non están e das que seguen aquí”.

Barral agradeceulle á asociación “recuperar as danzas medievais” e devolverlle ao Concello “unha parte da súa memoria”. Lembrou que o ano comezou cun calendario de homenaxe a Xóvenes do Pobo e que, coa luz do Nadal, “péchase o círculo”. Para a alcaldesa, cincuenta anos son “cincuenta anos de Betanzos sendo máis Betanzos”, e deu as grazas “en nome de toda a cidade”.

A iluminación deste Nadal supón un salto importante: instaláronse 900.000 LEDs e a luz chegou a todos os núcleos, de xeito que non hai parroquia do rural sen adorno navideño. “O Nadal de Betanzos é de todas e de todos, vivan no casco histórico ou na aldea máis pequena”, subliñou a alcaldesa. Na cidade, a decoración medrou con figuras novas: unha campá xigante, un túnel de luz “polo que apetece pasar devagar”, “o nome de Betanzos escrito en luz para que ninguén dubide de onde está” e uns anxos que dan a benvida a quen cruza a Porta da Vila. Na praza da Constitución agardan Súas Maxestades os Reis Magos.

Barral lembrou que o Nadal betanceiro “non son só as luces”, senón tamén a alegría das rúas cheas de xente, o comercio que coñece a clientela polo nome e a hostalaría que xunta a todos arredor dunha mesa. Por iso fixo un chamamento a vivir as festas na cidade: “vivide o Nadal aquí. Paseade, mercade na nosa cidade, sentádevos nas nosas terrazas, tomade algo nos nosos locais”. Tamén pediu convidar “a quen non vive aquí a descubrir este Betanzos que se pon máis guapo que nunca”.

A alcaldesa insistiu en que esta é a iluminación propia do Concello, a que estaba prevista para este ano e que se acendeu este día “pase o que pase co concurso de Ferrero Rocher”: “Teñen moito que ver, pero non son o mesmo. Con concurso ou sen el, Betanzos vai seguir sendo un referente no Nadal”. Con todo, deixou claro que o Concello quere estar entre os cinco finalistas de toda España, algo que se saberá o luns 30 de novembro, e pediu seguir votando por Betanzos mentres a votación siga aberta: “Cada voto é un xeito de dicirlle ao mundo: aquí estamos, e vale a pena vir”. Se Betanzos resulta gañador, haberá un segundo acendido o 16 de decembro.

A xornada completouse con música e chocolatada para os máis cativos, entre eles o alumnado dos colexios Nosa Señora de Atocha e Vales Villamarín, convidado polo Concello. A alcaldesa pechou a súa intervención cun desexo para todos: “un Nadal cheo de luz, de xente querida, de mesas cheas e de ilusión. Que ninguén estea só nestas datas”. E, dirixíndose a Ton, deu paso ao acendido: “que se acenda o Nadal en Betanzos!”

0.30377507209778