A RAGC distingue na súa gala anual a sete investigadores de comunidade autónoma

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) celebraron esta tarde o acto de entrega da segunda edición dos «Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves», que tivo lugar no Centro Obra Social ABANCA, en Santiago, e se retransmitiu en directo a través de Afundación TV. Estes galardóns buscan impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros de Galicia.
No campo das Ciencias Básicas, a galardoada é Verónica Bolón, pioneira en deseñar sistemas de IA sustentables; en Ciencias Técnicas distinguiuse a Laura Castro polo seu labor no campo das enerxías renovables mariñas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento correspondeu a María Barreiro, dedicada a axudar ás organizacións a ser máis sustentables. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéronse ademais varios accésits.
No evento participaron o secretario xeral da UIE, Pedro Otero e o presidente da RAGC, Juan Lema, xunto a outros membros dos dous organismos. Asistiron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; ademais de representantes doutras entidades políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
Unha nova xeración científica de altísimo nivel
Na súa intervención, Juan Lema declarou que «estes premios demostran que Galicia conta cunha nova xeración científica de altísimo nivel, capaz de competir internacionalmente e de liderar áreas clave para o futuro». Nesta liña, o presidente da RAGC manifestou que «a calidade das candidaturas fixo especialmente difícil a selección, o que é unha excelente noticia para o sistema galego de ciencia e innovación». Puxo de relevo que «as persoas premiadas e recoñecidas cos accésits representan unha ciencia nova, internacional, rigorosa e comprometida coa sociedade, desde a sustentabilidade e a intelixencia artificial ata a saúde, a enerxía e a dixitalización».
Pola súa banda, o secretario xeral da UIE subliñou como o das premiadas e premiados non é en absoluto un camiño exento de trabas: «sabedes ben o que significa navegar nun océano de obstáculos. Sen dúbida, gran parte de que esteades hoxe aquí débese á vosa entrega e perseveranza, desde logo, pero creo que tamén, a un decidido espírito de superación».
Por iso mesmo, destacou Pedro Otero, «por tantos obstáculos superados, por tantas ideas certeiras e por tanto afán en seguir avanzando e crecendo co ben común como obxectivo último, na UIE e na RAGC quixemos devolvervos, mediante a creación destes premios, polo menos un pouco do moitísimo que o voso traballo nos ofrece a nós».
Verónica Bolón, pioneira no deseño de intelixencia artificial verde
No campo das Ciencias Básicas recoñeceuse a Verónica Bolón (Carballo, 1984), investigadora do Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña. Céntrase no deseño de sistemas de intelixencia artificial eficientes, capaces de equilibrar rendemento, custo computacional e impacto ambiental. Os resultados dos seus traballos téñense aplicado en ámbitos como o biomédico –diagnóstico de retinopatía do prematuro, enfermidades cardiovasculares ou trastornos do sono–, así como para a resolución de problemas ambientais e educativos. «Para min é importante poder servir de exemplo para todas as nenas que veñen detrás, polas que paga a pena seguir abrindo camiño nun ámbito que durante moitos anos foi maioritariamente masculino», salientou.
Manuel Souto (Valencia, 1988), investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, recibiu un accésit. Investiga en novos materiais máis sostibles con aplicacións en almacenamento enerxético. Na actualidade céntrase no deseño de baterías máis eficientes e sostibles, baseadas en eléctrodos orgánicos, fronte ás baterías de litio convencionais. Remarcou que «este recoñecemento destaca o impacto da investigación levada a cabo por grupos emerxentes en Galicia e axuda a impulsar as carreiras dos científicos máis novos».
Outro dos accésit foi para Ismael González (O Rosal, 1988), do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Afonda nos mecanismos neuroendocrinos que controlan o metabolismo. Nesta liña, descubriu que os estróxenos actúan no hipotálamo para incrementar a temperatura corporal e xerar saciedade. Os seus traballos supuxeron un notable avance no coñecemento dos mecanismos fisiopatolóxicos da obesidade. «Valoro que se dea visibilidade á etapa xove da carreira científica, un momento de grande intensidade, novas ideas e alta motivación, pero tamén de incerteza. Iniciativas como esta axudan a impulsar a nosa traxectoria e a poñer en valor o papel das novas xeracións no avance da ciencia», manifestou.
Laura Castro, experta en enerxías renovables mariñas
No campo das Ciencias Técnicas distinguiuse á investigadora da Universidade da Coruña Laura Castro (Betanzos, 1985), que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol. A súa traxectoria céntrase no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas: enerxía eólica mariña, enerxía undimotriz, sistemas híbridos de enerxía mariña e enerxía solar mariña. É a única catedrática na área de Construcións Navais en Galicia e a máis nova de toda España. Puxo de relevo que «este premio recoñece o traballo das investigadoras e investigadores mozos nunha etapa na que o apoio, a confianza e a visibilidade son fundamentais. É un estímulo para seguir afrontando novos retos científicos en beneficio da sociedade».
Concedeuse un accésit a Lucía Díaz (Vilalba, 1985), profesora do Departamento de Deseño na Enxeñaría da Universidade de Vigo. Investiga no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles; para o mantemento intelixente de infraestruturas, mellorar a accesibilidade e facilitar a vida de persoas con diversidade funcional; ademais de aplicar a circularidade e a sustentabilidade na construción. «Nunha etapa na que moitos investigadores e investigadoras estamos a construír a nosa traxectoria e na que, en moitos casos, vimos de períodos de inestabilidade, premios como este contribúen a poñer en valor o noso traballo e a reforzar a confianza para seguir avanzando», destacou.
María Barreiro traballa pola sustentabilidade das empresas e organismos
En Ciencias Sociais premiouse a María Barreiro (A Coruña, 1987), profesora da Universidade da Coruña e investigadora do centro de investigación interuniversitario ECOBAS, especializado no estudo da sustentabilidade. Enfoca o seu traballo á busca de mecanismos que axuden ás organizacións a ser económica, ambiental e socialmente máis sustentables. É coordinadora do Green Campus da facultade de Economía e Empresa da UDC. «Estou moi orgullosa de recibir este premio, que pode servir de referente para investigadores e, especialmente, investigadoras que están a empezar a súa carreira en Galicia», manifestou.
O accésit foi para Rubén Lado (Outes, 1989), profesor de Economía Financeira e Contabilidade da USC. Desenvolve dúas grandes liñas de investigación: o estudo do efecto da localización empresarial sobre as variables económico-financeiras, con especial atención ao sector turístico-hoteleiro español; e a xestión de riscos empresariais nun contexto de crecente dixitalización e transición enerxética. «O progreso da investigación galega depende en boa medida de seguir reducindo barreiras e fortalecendo espazos compartidos que faciliten o pleno desenvolvemento do talento novo, capaz de afrontar os retos do presente e construír respostas para o futuro», salientou o premiado.