A RAG presenta a programación das Letras Galegas 2024 dedicadas a Luísa Villalta

ACoruñaXa
A institución presentou as principais iniciativas que desenvolverá arredor do Día das Letras Galegas que inclúen unha serie de televisión e unha páxina web sobre a autora
Presentación Letras galegas 2024 - RAG
30 Xan 2024

A Real Academia Galega presentou este martes o programa das Letras Galegas, que este ano renden homenaxe á esctirora coruñesa, Luísa Villalta. Unha escritora "esixente e intelixente que soubo situarse na emoción e na ambición expresiva a través de diversos xéneros", sinalou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes durante o evento celebrado hoxe na Coruña, nun acto no que tamén interviñeron Marilar Aleixandre, María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada. O programa inclúe diferentes actividades culturais que xiran en torno á autora.

A partir do mes de marzo, o público poderá transitar estes e outros espazos físicos e conceptuais fundamentais na vida e na obra de Luísa Villalta a través da serie web sobre a autora que a Real Academia Galega está a producir. O documental de seis episodios, dirixido por Damián Varela e guionizado por Alba López.

A RAG ofrecerá contidos que dean a coñecer ou axuden o público xeral a profundar na personalidade da autora. «Haberá tamén tempo para congregar especialistas que acheguen novas olladas a unha escritora que nos deixou antes de tempo, nun momento de madureza creativa no que xa dera mostras do seu talento e da profundidade do seu discurso. Vinte anos despois do seu pasamento, a obra de Luísa Villalta segue chea de vixencia e permítenos reflexionar sobre grandes temas da literatura, da vida e da actualidade social», engadiu na mesma liña Víctor F. Freixanes. A programación desenvolverase co apoio da Xunta de Galicia, o Goberno de España, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, entre outras institucións.

En nome da familia, Susana Villalta referiuse tamén á “forza do pensamento” da súa irmá, con “moito que dicir e aportar a cada un dos galegos e galegas, ás novas xeracións e ás que virán”; e agradeceulle á Academia a celebración do Ano Luísa Villalta.

A sección das Letras de academia.gal: unha fiestra ao universo Villalta

A RAG abriu o pasado 5 de xaneiro a sección das Letras Galegas 2024 en academia.gal cunha completa biografía asinada pola poeta, xornalista e académica Ana Romaní, compañeira de xeración de Luísa Villalta. Este espazo servirá de escaparate para os distintos contidos que a institución creará sobre ela e farase tamén eco doutras iniciativas para proxectar o seu legado.

Unha das primeiras estreas será a da nova edición da web para o público infantil Primavera das Letras, que acubillará unha fermosa historia sobre Luísa Villalta, 'Violino, Inglesas e o libro xigante', que ten como narradores o violín da homenaxeada e a guitarra de Rosalía de Castro. Os autores son o académico correspondente Xoán Babarro e Ana María Fernández, gañadores de premios como o Barco de Vapor e o Lazarillo. Lévaa á linguaxe plástica Óscar Villán, distinguido co Premio Nacional de Ilustración. O proxecto para os máis pequenos da casa -que inclúe tamén actividades interactivas e outras propostas lúdicas- será presentado a finais de febreiro en Sada da man da comunidade educativa do CEIP Sada y sus Contornos e unha representación do IES Isaac Díaz Pardo, onde Luísa Villalta exerceu como docente de Lingua e literatura galegas dende o ano 1991 ata a súa morte.

Pouco despois estrearase a serie web que está a realizar Miramemira, na que se vai tecendo un relato sobre a vida e a obra de Luísa Villalta a través dos testemuños de familia, amizades, creadores e creadoras e voces estudosas do seu legado.

A Coruña como materia literaria e espazo de homenaxe

O documental, que poderá verse en academia.gal, en Youtube e na TVG, arrinca coa infancia e os anos de formación da autora e prosegue poñendo o foco no seu mundo poético e o resto da súa produción literaria, a importancia da música na súa vida, o seu fondo compromiso cívico e o seu labor como docente. Conclúe cun derradeiro episodio sobre A Coruña no seu legado literario, cidade que deixou pegada especialmente no poemario premiado pouco antes do seu pasamento e editado postumamente, 'En concreto' (2004), e mais 'Papagaio' (2006). Neste último volume Villalta escribiu poemas que falan da violencia sexual e a especulación urbanística en diálogo coas fotografías nas que Maribel Longueira deu conta do derrubamento das vellas casas de prostitución do barrio que lle deu título.

A Coruña será tamén o escenario central do 17 de maio. A RAG celebrará na “Cidade Alta” de Luísa Villalta, onde a creadora naceu en 1957 e morreu prematuramente, aos 46 anos de idade, o 6 de marzo de 2004, vítima dunha meninxite. As alocucións académicas do pleno extraordinario e público correrán a cargo de Ana Romaní, Margarita Ledo e Manuel Rivas.

Xa na segunda metade do ano, á volta das vacacións de verán, a RAG celebrá un simposio académico no que diversas voces especialistas presentarán distintas lecturas da obra de Luísa Villalta e do seu activismo cívico e cultural. Unha ocasión especial para pensar o mundo actual a través, en palabras de Ana Romaní, dunha «obra marcada pola exploración, o pensamento apaixonado, a procura do rigor ».

 

0.18632507324219