A RAG organiza o concurso escolar 'Contádenos o voso Día das Letras' de Luísa Villalta

ACoruñaXa
A institución mantén aberto ata o 7 de xullo o prazo para presentar as iniciativas desenvolvidas nos colexios arredor da celebración do 17 de maio dedicado á escritora
Imaxe do cartel do concurso 'Primavera das Letras 2024' da Real Academia Galega
31 May 2024

A Real Academia Galega convoca a nova edición do concurso escolar 'Contádenos o voso Día das Letras Galegas', centrado nesta ocasión en Luísa Villalta, a escritora á que a institución lle dedicou o pasado 17 de maio.

A iniciativa diríxese a todos os centros escolares de educación infantil e primaria e mais aqueles que atendan alumnado con necesidades especiais de apoio educativo. A convocatoria forma parte de Primavera das Letras, o proxecto web da institución dirixido ao público infantil.

Deste xeito, cada centro pode concorrer co proxecto ou proxectos que desexe, sexan de aula, curso ou etapa educativa, ou ben aqueles que impliquen toda a comunidade educativa. Os colexios deben enviar as ligazóns que amosen ou resuman os traballos ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal de acordo coas bases do concurso, dispoñibles en primaveradasletras.gal, onde se divulgarán todas as contribucións. Os centros participantes recibirán un diploma, e os tres premiados un lote de libros. A Academia cubrirá ademais os gastos do autobús que cubra o desprazamento ata a cidade da Coruña do alumnado e profesorado de cada escola para participar no acto de entrega dos galardóns.

Primavera das Letras conta dende o seu nacemento, en 2016, co apoio da Deputación da Coruña. Nesta novena edición os escritores Xoán Babarro e Ana María Fernández escribiron para o proxecto o conto 'Violino, Inglesa e o libro xigante'. Pequena biografía de Luísa Villalta, unha historia ilustrada por Óscar Villán dispoñible para descarga na web do proxecto xunto a actividades interactivas ou fichas para colorear.

Alén dos contidos arredor da gran festa da cultura galega, Primavera das Letras conta coa sección Lingua Guapa, na que pode verse a curtametraxe 'A orixe da nosa lingua guapa', a película protagonizada polo alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña que explica, a través da fantasía e o humor, como se formou o galego ao longo dos séculos. O filme baséase nunha idea orixinal da académica responsable de Primavera das Letras, Fina Casalderrey, autora de referencia no eido da literatura infantil e xuvenil.

Na mesma sección poden verse tamén as pezas audiovisuais da serie Das primeiras cousas: autores e autoras da literatura infantil, nas que Paco Martín, Marica Campo, Antonio Reigosa e Xosé Miranda lembran o seu espertar ao mundo da lectura e da escritura dende a infancia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13695001602173