A RAG dedica a segunda xornada do ciclo 'Voces da narrativa' á escritora brasileira Nélida Piñon

ACoruñaXa
A institución homenaxea á destacada escritora brasileira, cuxas raíces galegas marcaron profundamente a súa obra, nun acto aberto ao público na Fundación Barrié
Imaxe da escritora brasileira Nélida Piñon
27 Oct 2024

A Real Academia Galega (RAG) dedicará a segunda xornada de Voces da narrativa a Nélida Piñon (Rio de Janeiro, 1937 - Lisboa, 2022), recoñecida como unha das figuras máis destacadas da literatura contemporánea brasileira, cunha obra marcada polas súas raíces galegas e a emigración cara a América. A homenaxe, organizada pola Sección de Literatura da RAG, terá lugar o vindeiro martes, 29 de outubro, na Fundación Barrié, ás 17:00 horas, cun encontro aberto ao público que tamén poderá seguirse en directo na web da Academia e na súa canle de YouTube.

O programa contará coas intervencións de catro relatores que ofrecerán unha visión profunda da autora. Karla da Silva, compañeira próxima de Piñon nos seus últimos anos, abordará o aspecto máis persoal da autora; o escritor e crítico literario Antonio Maura afondará na súa produción literaria e lembrará o proceso de doazón da biblioteca de Piñon ao Instituto Cervantes de Rio de Janeiro, onde el mesmo foi director; Alfonso Armada, exdirector do suplemento ABC Cultural, destacará a súa faceta xornalística; e Víctor F. Freixanes, presidente da RAG e editor da autora na súa etapa á fronte de Galaxia, tamén intervirá na xornada.

Unha épica entre Brasil e Galicia

Filla de pai galego e nai brasileira de ascendencia galega, Nélida Piñon desenvolveu unha conexión profunda con Galicia, onde viviu entre os dez e os doce anos na parroquia de Borela, en Cotobade. Este vínculo coa súa terra e a memoria dos seus devanceiros foron elementos fundamentais na súa obra, especialmente na novela A república dos soños (1984), onde recrea a historia da súa familia e a súa emigración cara ao Brasil, cunha linguaxe cargada de poesía e tradición oral galega. A autora buscaba, nas súas propias palabras, transmitir “o sufrimento e a grandeza do pobo galego dentro e fóra de Galicia” a través dunha perspectiva que valoriza a memoria feminina.

Ao longo da súa traxectoria, Nélida Piñon publicou obras que van desde novelas como Guía-mapa de Gabriel Arcanjo (1961) ata ensaios e memorias como Aprendiz de Homero (2008) e Coração Andarilho (2009). Cultivou tamén literatura infantil e xuvenil e destacou pola súa ampla produción xornalística. Foi a primeira muller en presidir a Academia Brasileira de Letras (1996-1997) e recibiu numerosos galardóns, como a Medalla Castelao (1992) e o Premio Príncipe de Asturias das Letras (2005).

Esta segunda xornada de Voces da narrativa conta coa colaboración do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Fundación Barrié, e reafirma a contribución de Nélida Piñon á literatura universal cunha obra que conecta continentes e rescata a identidade galega nunha narrativa de resonancia mundial.

0.17294883728027