A RAG celebra o Día das Letras Galegas o 17 de maio nunha sesión pública no Teatro Rosalía

ACoruñaXa
A sesión pública contará coas intervencións sobre Luísa Villalta á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2024 a cargo das académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e do académico Euloxio R. Ruibal
Imaxe do arquivo familiar de Luisa Villalta
Imaxe do arquivo familiar de Luisa Villalta
9 may 2024

A Real Academia Galega celebrará o venres 17 de maio o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas de Luísa Villalta (1957-2004) na Coruña, a cidade onde naceu e viviu, e espazo literario constante na súa obra. A sesión pública, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, terá lugar a partir das 12:30 horas no Teatro Rosalía e emitirase en directo dende academia.gal. As alocucións sobre a homenaxeada serán pronunciadas polas académicas Ana Romaní e Margarita Ledo, e o académico Euloxio R. Ruibal. A parte musical correrá a cargo da violinista da Real Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi e da cantante e poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa. O repertorio incidirá nos gustos da dramaturga, poeta, narradora, ensaísta e articulista homenaxeada, violinista que abandonou pola docencia e a escritura a música como profesión pero non como fonte de inspiración vital e literaria.

Nese sentido, Euloxio R. Ruibal, Ana Romaní e Margarita Ledo afondarán en distintos aspectos da vida e da obra da autora á que á RAG lle dedica este ano o 17 de maio cadrando co vixésimo aniversario do seu prematuro pasamento, aos 46 anos de idade, por mor dunha meninxite. A institución celebrará, coa colaboración do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, o acto central do Día das Letras Galegas o vindeiro venres, pero xa está a renderlle homenaxe a Luísa Villalta na Rede dende xaneiro. Unha dos proxectos fundamentais para divulgar a súa figura e o seu legado é a serie documental web Luísa Villalta, a rebelión da palabra, que pode verse na web en academia.gal e na canle de Youtube da Academia, e que está a ser proxectada nestas vésperas das Letras Galegas por asociacións culturais e centros de ensino de todo o país.

A produción da RAG, dirixida por Damián Varela Pastrana e realizada por Miramemira, conta, entre outras, coa participación de Estíbaliz Espinosa -poeta dunha xeración posterior coa que Villalta compartiu a paixón pola música e a poesía- e Kiyoko Ohashi. A violinista nipoa é cocompositora da banda sonora da serie e interpreta nela composicións como o Minor Swing de Stéphane Grappelli ou as micropolifonías de György Ligeti, que dan conta do gusto ecléctico de Luísa Villalta. Formada como violinista clásica, antes de se dedicar por completo ao ensino de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario, Villalta chegou a formar parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, pero tamén fora integrante do grupo folk Escaino, con quen converteu en canción o poema “Chora fame” que tamén se escoita na súa voz na serie.

Unha oferta de contidos divulgativos para todas as idades

Alén da serie documental, a Real Academia Galega ofrece na súa sección de academia.gal das Letras Galegas 2024 outros recursos divulgativos sobre Luísa Villalta. Ana Romaní asina a biografía deste espazo que ofrece tamén unha escolma de citas da obra da homenaxeada en Palabras de Luísa Villalta ou novas sobre iniciativas arredor desta celebración.

Para o público máis novo, a RAG presenta un ano máis a web Primavera das Letras, onde pode descargarse o conto Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta. Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores desta historia na que achegan de maneira lúdica a xente miúda á escritora. Canda estas dúas figuras de referencia da literatura infantil e xuvenil do país dende a década dos anos 70 -recoñecidas con distintos galardóns-, traballou poñéndolle imaxes á historia o Premio Nacional de Ilustración Óscar Villán. Na mesma páxina web, coordinada pola académica Fina Casalderrey e apoiada pola Deputación da Coruña, atópanse actividades interactivas arredor do universo vital e literario de Luísa Villalta, fichas para colorear e ligazóns de interese.

O Portal das Palabras, a web para a difusión do léxico galego da RAG e a Fundación Barrié, ofrece igualmente unha sección específica con contidos arredor de Luísa Villalta.

Xa no último cuadrimestre do ano, a RAG celebrará o Simposio Luísa Villalta, no que reunirá distintas voces especialistas que achegarán novas contribucións arredor da súa figura e do seu legado literario.

RAG-convite-pleno-17M