A RAE e PuntoGal premian nove historias galegas de autores da catro provincias

Sonia Corral Franco (As Pontes, 1979) comezou a escribir por necesidade e resiliencia. “Para poder sobrevivir”, conta, tras ser diagnosticada dunha enfermidade neurodexenerativa que mudou a súa vida. Como lectora participa dende hai anos no club de lectura de novela negra da biblioteca pública da súa localidade natal; como escritora os sucesos son parte das súas fontes de inspiración. “Trapos sucios”, a historia coa que acaba de gañar o primeiro do IX Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e Puntogal, é boa proba destes dous apuntamentos. Un texto con todos os ingredientes que ha de ter un bo conto concentrados en só 200 palabras.
O certame premiou outros oito microrrelatos e elixiu seis máis como finalistas nas categorías de persoas adultas, xuvenil e infantil, ás que concorreron en conxunto unhas 850 historias. As quince recoñecidas abordan xéneros e temas ben diversos, dende o suspense no que tan ben se move Sonia Corral ata as reflexións sobre o amor e o desamor que expón a compostelá Iria Iglesias Mouriño, gañadora do primeiro premio xuvenil; a alegría compartida da rapazada neofalante procedente doutro país do microrrelato de Smahan Essadi, veciña de Noia con raíces en Marrocos.
Na categoría de persoas adultas, canda Sonia Corral resultaron galardoados co segundo e terceiro premio, respectivamente, o relato “Corvo”, de Marcos Taracido (Pontevedra, 1971), profesor de secundaria residente en Teo; e “Mans de sal”, de Lara Costas (Redondela, 2004), estudante de Psicoloxía. Os finalistas son “Corpo que se afunde no mar”, de Axel Cuíñas (Vigo, 2005), estudante de Filoloxía Hispánica; e “A sentenza”, de Manuel González (Vilagarcía de Arousa, 1955), veciño da Coruña e xubilado do ensino que gañou o terceiro premio na edición anterior.
O xurado encargado de avaliar as 425 historias presentadas por persoas maiores de idade compuxérono a tesoureira da RAG, María López Sández, e o académico de número Víctor F. Freixanes, en representación da Academia; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González, e a filóloga e membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos, en nome da entidade que xestiona o dominio .gal; e mais a filóloga Inés Sánchez, asesora de Luzes, revista que colabora no certame.
Na súa valoración da convocatoria, os membros do xurado destacan a calidade dos contos presentados e o dominio das claves dun bo microrrelato que amosaron as autoras e os autores distinguidos, entre elas o coidado estilístico, a máxima condensación narrativa e o xiro sorprendente no momento final. Subliñan así mesmo a capacidade demostrada de profundar, malia a brevidade dos textos, en cuestións como a crítica social e ambiental.
OS GAÑADORES
O galardón que Sonia Corral recollerá o vindeiro 22 de xuño no acto público que a RAG e Puntogal celebrarán na Fundación Luis Seoane non é o primeiro. O palmarés desta licenciada en Publicidade e diplomada en Relacións Laborais, veciña de San Sadurniño, é recente pero avultado. Lectora compulsiva, atopou acougo na escritura tras ser diagnosticada dunha doenza que condicionou toda a súa vida e comezou a concorrer a concursos hai dous anos, animada pola súa parella e a súa irmá. Dende entón leva xa colleitados máis dunha ducia de premios cos seus contos. “Trapos sucios” súmase á lista cunha historia que entronca co xénero negro e que tamén introduce a crítica social a partir dunha aparente simple descrición, indica o xurado.
Marcos Taracido (Pontevedra, 1971), licenciado en Filoloxía Hispánica, docente de secundaria, veciño de Teo e “neofalante e neoescribente” é outro apaixonado da lectura, como se declaran tamén a maioría das persoas recoñecidas nesta e nas pasadas edicións. Le e como consecuencia escribe, di. Dirixiu o portal Libro de notas e publicou un par de libros e decenas de artigos literarios. Agora verá editado “Corvo”, un relato que xoga coa hibridación xenérica e que, partindo dun estilo expositivo e científico, apela con sutileza á reflexión ambiental.
A crítica ambiental está tamén presente en “Mans de sal”, o relato co que Lara Costas Lago (Redondela, 2004) gañou o terceiro premio, unha historia da memoria e resistencia do mundo das mariscadoras de só 169 palabras. Pero a autora tamén cultiva a narrativa de maior extensión. “Hai un ano autopubliquei en Amazon a miña primeira novela, Entre cicatrices y victorias, e recentemente Si se cae el muro”, comparte esta estudante do último curso de Psicoloxía.
Axel Cuíñas (Vigo, 2005) resultou finalista con “Corpo que se afunde no mar”, outra historia que olla o océano pero de temática ben distinta. “Adoito escribir microrrelatos e contos sempre que dispoño de tempo, aínda que non publicara nada anteriormente”, explica Axel, estudante de Filoloxía Hispánica.
Igualmente finalista é o relato “A sentenza”, de Manuel González Seoane (Vilagarcía, 1955), gañador na pasada edición do terceiro premio. Xubilado do ensino dende 2022, escribe dende hai uns anos e ultimamente participa en concursos. Este ano clasificouse para a súa terceira final anual consecutiva de Relatos en Cadena da SER, e foi tamén finalista no concurso de microrrelatos de Gadis, entre outras distincións.
Xuvenil e infantil
Na modalidade xuvenil Iria Iglesias Mouriño (Santiago de Compostela, 2015), estudante de segundo de bacharelato do IES Antonio Fraguas, fíxose co primeiro premio con “Ensaios para desaparecer”. O segundo é para “O eco das mareas”, unha evocadora historia sobre o mundo do mar e a memoria de Juan Domínguez de la Torre (Vigo, 2011), veciño de Nigrán e alumno de terceiro da ESO do CPI Arquitecto Palacios; e o terceiro para “Unha fenda de luz”, un canto contra o acaso escolar de Uxía Nogueira Bodega (Vigo, 2012), veciña de Ribadumia e alumna do IES de Meaño. Os contos finalistas son “O reloxo”, de Raquel Pérez López (Ribadeo, 2009), alumna de primeiro de bacharelato do IES Dionisio Gamallo; e “A nena na estación”, de Sabela Rodríguez Pérez (Pontevedra, 2009), veciña de Marín e alumna de primeiro de bacharelato do IES Illa de Tambo.
Na modalidade infantil Smahan Essaidi (Santiago de Compostela, 2015), alumna do noiés CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso, acadou o primeiro premio con “Bo proveito!”; Carla Merino Suárez (Madrid, 2015), veciña de Lalín e alumna do CEIP Xesús Golmar, gañou o segundo con “O espello”; e Laura González Martínez (Vigo, 2015), alumna de Las Acacias de Vigo, o terceiro con “Cando o vento borboriñe”. As finalistas son Irene Suárez Rodríguez (Lugo, 2015), alumna do CEIP das Mercedes da cidade da Muralla xa premiada na edición anterior, desta volta con “Cando a escola volva a abrir”; e Alba González Meizoso (Abegondo, 2014), do CEIP San Marcos de Abegondo, con “A sombra da noite”.
Os máis de 400 textos presentados nas dúas categorías para autoras e autores de menos de 18 anos avaliounos o xurado composto polas académicas Fina Casalderrey e María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; a membro da directiva de PuntoGal Concha Losada; e o xornalista Fernando Mahía, do consello de redaccións de Luzes. Nas súas consideracións destacan dos relatos recibidos a corrección na escrita e a preocupación dos participantes por temas de actualidade como a igualdade de xénero, o acoso escolar ou a saúde mental, con mensaxes éticas e de superación de medos e prexuízos. Tamén fan constar o ollar novo e fresco sobre as tradicións e, coma na categoría de adultos, o uso de recursos literarios que xogan coa sorpresa e os desenlaces inesperados.
Os relatos gañadores da novena edición do concurso da RAG e Puntogal poderán lerse na publicación dixital que a Academia e PuntoGal difundirán tras a entrega dos premios en relatos.gal e as súas respectivas webs, e tamén no número do mes de xuño da revista Luzes, que incluirá ademais os finalistas.