'A provincia que sabe' de Turismo da Deputación da Coruña estará na feira Expovacaciones de Bilbao

ACoruñaXa
A área de turismo da entidade provincial contará no seu stand cunha programación de actividades entre as que se atopan showcookings do Muelle 43 de Mugardos e degustacións de mariscos de Barallobre
Imaxe dun showcooking do proxecto 'A provincia que sabe' da Deputación da Coruña
Imaxe dun showcooking do proxecto 'A provincia que sabe' da Deputación da Coruña
9 may 2024

A área de turismo da Deputación da Coruña viaxa este fin de semana a Bilbao para participar, dende mañá, venres 10 e ata o domingo 12 de maio, na feira ‘Expovacaciones’, onde estará promocionando a súa campaña turística e gastronómica `A provincia que sabe´ da man de diferentes produtores locais e do restaurante Muelle 43 de Mugardos.

Neste sentido, almorzos artesáns, degustacións, showcookings e presentacións de produtos son as actividades que ofrece a entidade provincial no seu stand do Bilbao Exhibition Centre, entre as 11.00 horas e as 18.00 horas, durante os tres días deste evento que acolle exposicións orientadas ao sector turístico para a promoción de destinos e gastronomía.

A programación comeza cun almorzo artesán con Oleolatte, da empresa coruñesa Cafés Aruba, pan de Carballo e queixo mouro de Campo Capela da Capela. Continúa con degustación de mariscos (zamburiñas, navallas e vieiras) de Mariscos de Barallobre, e con showcookings a cargo de Nair González Varela do Restaurante MUELLE 43 de Mugardos, que elaborará receitas tradicionais con produtos locais propios do territorio: polbo á mugardesa e caldeirada de merluza de Cedeira. E, para rematar a xornada, unha presentación e degustación de queixo Galmesán (Premio Super Ouro nos World Cheese Awards 2023.

A Deputación amosará así, ante un público que acude en busca de diferentes opcións turísticas, a riqueza gastronómica da provincia da Coruña a través de
'A provincia que sabe', unha iniciativa destinada a turistas que buscan a autenticidade nos lugares que visitan, consumidores que priorizan a calidade e o compromiso co territorio á hora de comprar e/ou facer reservas, e á propia comunidade local.