A provincia da Coruña, líder na rápida obtención das notas dos exames de conducir
A provincia é pioneira en permitir ás persoas que se examinan da parte teórica do permiso de conducir (agás no caso do de mercadorías perigosas e o de recuperación do permiso por perda de vixencia) coñecer as súas notas en tempo récord. Así, o informou este luns a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.
Segundo explicou, dende o pasado 14 de marzo, ofrécese a posibilidade de darse de alta en cl@ve no mesmo momento de realizar o exame para así descargar a aplicación MiDGT e consultar na mesma os resultados. “Deste xeito, as persoas poden coñecer os resultados en só unha hora, sen esperar as 18 que adoitan tardar en publicarse na web da DXT”, apuntou Rivas.
A subdelegada, tamén salientou que, ademais de tramitar a alta en cl@ve no momento do exame, a cidadanía que desexe obter o identificador para poder realizar trámites coa Administración por vía telemática, a Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña tamén permite solicitar o alta en @clave permanente sen cita previa nas súas oficinas, “unha mostra máis da aposta constante da Administración por facilitar á cidadanía a realización de trámites por internet”.
As Xefaturas Provinciais de Tráfico de Bilbao e Zaragoza foron as primeiras en ofrecer estes servizos hai aproximadamente dous meses. Desde entón xa deron de alta en cl@ve a máis de 1.000 persoas que poden relacionarse coa Administración de maneira telemática para realizar as súas xestións persoais coas mesmas garantías que se se fixese de maneira presencial. A elas uníronse o pasado 14 de marzo as xefaturas provinciais de Madrid, Barcelona, Valladolid, Sevilla, Valencia, A Coruña, As Palmas e Oviedo. No resto de provincias irase realizando de forma progresiva.
Aplicación MiDGT
Ademais a subdelegada salientou que, xunto coa nova funcionalidade para consultar as notas do exame teórico, a aplicación MiDGT permite tamén que, unha vez superadas as probas prácticas, os alumnos e as alumnas tamén poidan dispoñer no seu móbil do permiso provisional de conducir sen necesidade de agardar por telo en formato físico. Este documento dixital terá a mesma validez que o físico, pero só en territorio nacional.
Desde a súa posta en marcha, en marzo de 2020, a app MiDGT viu incrementadas as súas funcionalidades, “evitando que a cidadanía teña que desprazarse ás xefaturas de Tráfico a realizar trámites”, valorou Rivas.